Blog | Ventureiras

Cuestión de Estado

'Performance' de protesta nas rúas de Pontevedra contra a violencia machista. TANIA MOREIRA (ADP)
photo_camera 'Performance' de protesta nas rúas de Pontevedra contra a violencia machista. TANIA MOREIRA (ADP)

"CÓMO VA a ser un mal día, hombre, si ayer ganamos el Mundial de basket", dicíalle un presentador de televisión ao opinador de turno o pasado luns pola mañá, despois de que o comentarista dixese "buenos días, por decir algo". Ambos facían aenésima análise sobre as inminentes eleccións cando había só unhas horas que se sabía que un asasino irrumpira na casa da súa ex muller de Valga armado cun revólver para asasinala a ela, á súa ex sogra e máis á súa ex cuñada. Todo diante de dous nenos de catro e sete anos que resultaban ser os seus fillos (un maltratador nunca, xamais, será un bo pai).

Os periódicos e televisións exploran estes días a crueldade do asasinato, afondan nos detalles da traxedia dos dous orfos, dun avó que perdeu á súa parella e ás súas dúas fillas da forma máis brutal. Pero o triplo crime de Valga é moito máis ca iso, é un terrible gran de area máis da enorme montaña que representa o machismo.

Hai que poñer os medios para que denunciar non custe a vida

Sandra foi unha pinga dun vaso que non se dá colmado, Alba foi outra, María Elena, a seguinte. E o martes, outra máis, a da muller asasinada en Madrid tamén pola súa ex parella e tamén ante as súas dúas fillas (repito: un maltratador nunca é un bo pai).

Os catro asasinatos das últimas horas chegaron despois dunha fin de semana na que tiven amargas discusións nas que me falaban sobre a inxustiza do que os negacionistas deron en chamar denuncias falsas. Do suposto sufrimento polo que pasan eses homes que padecen a ira de mulleres malvadas dispostas a arruinarlles a vida co amparo da mesma lei que non logrou evitar os asasinatos de Sandra e doutras 43 mulleres no que vai de ano. Só fixeron falla unhas horas para que a cruel realidade me dera a razón. Por que a certo sector da sociedade lle preocupen tanto unha porcentaxe ínfima de denuncias falsas e soporta con naturalidade a barbarie mesmo xustificando os crimes con comentarios brutais nas redes sociais? Porque este mundo leva impreso no máis fondo da súa esencia un machismo estrutural de dimensións incalculables.

Debátome moitas veces en pararme a explicar pacientemente, coma unha mestra que repite que dous máis dous son catro, que o machismo é unha lacra que asasina -que existe un sistema que xustifica a violencia contra as mulleres, que os violentos que matan e maltratan fano no marco dunha lóxica de dominación histórica dos homes sobre as mulleresou, sinxelamente, dalo todo por perdido. Quizais hai que deixar de perder enerxía explicándolle a realidade a quen non quere ver que o verdadeiro problema son as denuncias que non se poñen porque as institucións seguen sen garantir a seguridade dunha muller que dá o paso de denunciar. Nin sequera sei se o mellor ante a violencia é denunciala, porque ese pode ser o detonante que anime ao agresor a coller un revólver e acabar coa vida da vítima, pero sei que é urxente poñer os medios para que vencer o medo e falar compense. Para que denunciar non lle custe a vida a ninguén.

Imaxinar a escena que terán gravada na mente de por vida eses nenos estreméceme. Pensar que non son nin serán os únicos, que moitas máis mulleres serán asasinadas sen que o mundo pare, sen que o Estado enteiro se paralice máis alá dos minutos de silencio e os testemuños morbosos, paréceme irreal. Moitas pensan coma min e sairán mañá ás rúas para berralo nunha noite lila (en Pontevedra ás 20.30 horas, dende a Praza de España). Outros seguirán falando de denuncias falsas, do Mundial de básket ou das vindeiras eleccións. As mulleres aínda non somos asunto de Estado.

Comentarios