Blog | Ventureiras

De todas e para todas

Un grupo de inmigrantes senegaleses traballa na campaña de recollida de mazás para sidra en Asturias. JOSÉ LUIS CEREIJIDO (EFE)
photo_camera Un grupo de inmigrantes senegaleses traballa na campaña de recollida de mazás para sidra en Asturias. JOSÉ LUIS CEREIJIDO (EFE)

"O MUNDO non é meu, que vou morrer pronto. O mundo é para todos. E hai para todos". Con esta sentenza proba da sabedoría popular galega despedíame un paisano nonaxenario da aldea de Ferramulín, en pleno Courel, nunha das miñas visitas. Despois de ofrecerme a vella casa dos seus pais e os soutos de castaños que el xa non podía explotar para que dera algo de vida ao lugar, de falarme das bondades do Goberno popular do presidente provincial Francisco Cacharro, de confesarse fiel votante de dereitas, finalizaba a conversa cun claro chamamento a abolir a propiedade privada, como se dun perverso comunista se tratase. "O mundo é para todos". Manda truco.

Non debería ser difícil poñernos na pel de quen emigra

A cuestión é que Cacharro tiña visitado aquel recuncho da montaña lucense en máis dunha ocasión e mesmo lle tiña apretado a man. Tiñan falado das necesidades do día a día dos habitantes de Ferramulín e construíra unha estrada que facilitaba as comunicacións coas outras vilas. A miúdo a proximidade e o que comunican os políticos importa moito máis que o seu programa electoral. Confío en que ese sexa o motivo polo que Vox irrumpe con 53 deputados no Congreso, e non porque os seus votantes defendan punto por punto o seu ideario. Cada un dos 114.834 votos ao partido de extrema dereita en Galicia é unha punzada de medo para os que queren un mundo máis habitable. Non hai motivos para celebrar que a formación non teña acadado representación en Galicia cando máis dun cento de milleiros de galegos e galegas creron que era a mellor opción de entre todas as papeletas.

Pero, no punto no que estamos, cal é a tarefa agora? Convencer, o que pasa por comunicar e transmitir unha mensaxe que deixe a un lado o odio e aposte pola convivencia e a humanidade. Convencer é tuitear o mal que nos parece que haxa tanto fascista solto? Se cadra, non é a mellor estratexia.

A manobra que mellor desarma ideoloxías de odio é a verdade. E a realidade non é outra que somos seres humanos e a iso hai que apelar. Por iso, se uns deshumanizan, a outros tócanos humanizar. Na habilidade da distorsión que empregan as ideoloxías do odio destaca a utilización da linguaxe, unha ferramenta da que hai que apropiarse. Chamarlle ás cousas polo seu nome é revolucionario. Hai que dicir que o que chaman mena non é máis que un neno ou unha nena que fuxe en solitario do seu país porque non atopa ningunha opción de futuro máis segura que cruzar o mar nunha balsa de plástico ateigada de xente que tamén escapa da miseria. Non debería ser demasiado difícil para nós, fillos e fillas dunha diáspora secular, poñernos na pel de quen abandona o seu fogar coa esperanza de progresar.

Somos os descendentes de nenos e nenas que deixaron o seu país con apenas catorce anos para ir servir, traballar de camareiros ou gañar uns pesos na construción vivindo en calquera gueto de París ou Xenebra. Como non imos entender a vulnerabilidade na que viven os nenos inmigrantes que chegan sós á nosa terra? Como imos crer que os que escapan do seu fogar veñen para violar ou roubar cando vemos como os mozos e mozas dos nosos tempos emigran tamén a outros países de Europa para buscar un futuro mellor?

Non é preciso estudar Ciencias Políticas para comprendelo. Só hai que imaxinarse nos zapatos dos inmigrantes, das mulleres, das lesbianas ou das persoas do colectivo trans. Ao igual que o señor de Ferramulín, no fondo, sabémolo. As patrias non pertencen a ninguén, igual que os soutos ou as castañas. O mundo é de todas e para todas.

Comentarios