Blog | Ventureiras

Maio non é o que era

Nenos e nenas cantando os maios este mércores na explanada da Seca, en Poio. GONZALO GARCÍA
photo_camera Nenos e nenas cantando os maios este mércores na explanada da Seca, en Poio. GONZALO GARCÍA

CANTÁRONO AS nenas este mércores en Pontevedra e arredores. Chegou maio, cos seus pampullos amarelos e o cheiro a fiúncho. O mes no que a primavera se amosa con máis esplendor é época de alegría, de brotes e de flores. Por iso estamos todas máis felices, porque é na primavera cando adoitan agromar cousas novas que, en ocasións, nos cambian a vida. Fálase das primaveras árabes, como o despertar dos pobos contra réximes autoritarios, e de como por esta época estouraron os soños dun sistema político con rostro humano. O 15M, o maio francés do 68... Sexa como sexa, é tempo de soñar.

Nestes días, moitos se felicitan porque a extrema dereita acadou  dous millóns e medio de votos no Estado, 86.000 en Galicia, 27.000 na provincia e preto de 3.000 na cidade. Case nada. Quizais pensar que haberá 24 deputados de Vox no Congreso sexa un alivio despois de termos imaxinado unha cámara baixa rancia, chea de toureiros e señores e señoras con ideas resucitadas doutros tempos. Porén, a entrada da ultradereita na política é xa unha realidade e sabémolo polos discursos. Xa ninguén cuestionaba que a violencia machista é unha lacra, sabiamos que falar das "axudas aos inmigrantes" é xenofobia, que ser feminista é o xusto ou que as persoas LGBTI teñen o mesmo dereito a casar que os cidadáns heterosexuais. Todos eses principios que pensabamos asentados cambalean neste maio.

Boto en falta como refulxían os lucecús polas cunetas hai anos

Que haxa dous millóns de persoas votando a favor do cuestionamento das bases dunha sociedade democrática e de convivencia non é festa ningunha. Por iso, para min este maio non é como os de antes. Pode que ningún tempo pasado fose mellor, pero permítanme un viva antes e que bote en falta como refulxían os lucecús polas cunetas hai só uns anos, ou como reverdecían os carballos tras o inverno onde agora renacen os eucaliptos sobre o monte queimado. O compañeiro Ramón Rozas lía o martes un poema de Raquel Lanseros durante a entrevista ao biólogo Adolfo Cordero -experto en libélulas, ollo-, dentro do ciclo Conversas na Uvigo. "Mi hijo será el primer deheredado/ el forzoso habitante/ de un mundo sin luciérnagas". Maio non é o que era, nin sequera a nivel paisaxístico. Pero non son eu a primeira en facer esta afirmación. Curros Enríquez agardaba por uha primavera na que "o pan non mo quiten/ trabucos e préstemos/ e como os do abade/ florezan meus eidos". A xente de hoxe, maio de 2019, pide máis ou menos o mesmo que o de Celanova en 1880.

O bo que ten o tempo agradable e solleiro é que as protestas se levan con alegría. Por iso o icono que Vox empregou para arengar aos seus votantes, unha pantasma coas cores da bandeira do orgullo homosexual, se converteu nunhas horas en símbolo da resistencia á dereita casposa, machista e chea de fobia cara ao colectivo LGTBI. Quédanos gaysper, lesper, transper e todo o lote de pantasmas derivadas da ocorrencia do equipo de comunicación de Santiago Abascal. É certo que eu quixera outro maio, pero recoñezo que gusto do humor e do sorriso co que moitas asumen esta pelexa. Adoro as redes sociais nas noites electorais, os chistes e as brincadeiras coas que nos enfrontamos á realidade e as probas de que con ledicia todo se leva mellor. Como aquel chío que nos di que esteamos tranquilos por Pablo Casado, que cun mestrado en Dereito non lle vai faltar traballo, ou os memes que comparan a Pedro Sánchez cunha especie de superheroe que sobrevive a calquera catástrofe que lle poñan diante.

Malia a todo, ben veñas, maio. E con alegría.

Comentarios