Blog | Ventureiras

Malas feministas

Mon Laferte no videoclip do tema de reguetón protesta Plata ta tá. YOUTUBE
photo_camera Mon Laferte no videoclip do tema de reguetón protesta 'Plata ta tá'. YOUTUBE

BOAS OU malas. Cando se trata de ser e unha nace muller só ten dúas opcións. Ser unha boa muller, que responde aos roles e estereotipos fixados por un mundo misóxino e machista, ou facer o que che pete e ser mala. O feminismo fixo chanza destas dúas categorías e creou o lema somos malas, podemos ser peores.

Cando unha se pon a deconstruír non pode parar e atópase a si mesma tratando de ser boa sempre. Boa nai, boa filla, boa compañeira, boa traballadora e boa noiva. E boa feminista, tamén boa feminista. "Eu sempre teño medo de meter a pata", comentaba unha compañeira sobre os momentos nos que abre a boca para dicir o que se lle vén á cabeza, cousa que non supón problema ningún para un home.

Resignifiquemos o baile e as festas, sempre centradas no pracer deles

A cuestión é que nos atopamos no medio dunha batalla por vivir nun mundo máis feliz e habitable, pero ás veces escoitamos soar unha canción de reguetón nun bar e sentímonos culpables polas ganas que temos de mover os cadrís. A culpa, esa eterna compañeira das que nacemos coa obriga de vivir rendendo contas. "Pero ti bailas reguetón?", preguntan unha e outra vez unha noite de festa calquera. "Perrear é moi machista", advirten á mínima tentación de empezar a mover o cu homes que ao parecer viven sen incoherencias no seu día a día, que defenden vehementemente a fin da explotación infantil mentres calzan unhas zapatillas feitas por nenos en Bangladesh.

Entón soa Sin pijama e todas botamos as mans á cabeza, evitando pronunciar tan alegremente algunha estrofa que nos denigre. Aínda que a proposta de Becky G de asumir a iniciativa e presentarse na casa dun rapaz e durmir con el sen pixama non é moi diferente da voz feminina que na canción popular, tal e como murmuraban as súas veciñas, recoñecía que andara ás loitas co crego debaixo dunhas videiras. Nós pechamos os ollos e bailamos mentres alguén que medrou cantando Golfa ou Puta de Extremoduro critica ás novas xeracións e o trap.

Ás veces pregúntome canto hai de feminismo e canto de clasismo á hora de falar de música latina. Ninguén quere ser barriobajera, moito mellor meterse no saco da clase media e cantaruxar calquera himno do pop rock branquiño e anglosaxón que nos recorda o fráxiles que somos. "Puede que uno de estos días amanezcas muerta / pero si se pasan prometo enviar unas flores caras el día de tu funeral", cantan os indies de Los Planetas. "Estarei vixiándote. Non te decatas de que me pertences?", apuntala Sting nun tema que calquera cantaría con paixón. E ao igual que canto The Police, admiro ver como autoras latinas como Nathy Peluso se menean ou como Mon Laferte perrea "hasta en medio de la basura" e advirte: "a los papitos de corbata se los come con limón esta gata". E si, escápanme os pés.

Dicía a xornalista June Fernández, logo dun mes en Cuba, que se non podía perrear esta non era a súa revolución. Algo semellante á xa histórica frase de Emma Goldman, que contestaba a un compañeiro que lle reprochaba a súa ledicia: "se non podo bailar, a túa revolución non me interesa".

Achégase o 8-M e unha descúbrese sentindo culpa porque lle apetece espertar a ritmo de reguetón e de cando en vez busca ás agachadas en Youtube o último vídeo viral dun rapaz desesperado que berra nunha praia paradisíaca por Estefanía, nunha clara mostra dos estragos do amor romántico e da ridiculización dos homes que amosan as súas vulnerabilidades, no contexto dun formato televisivo de lixo que reflicte as relacións heteronormativas na súa concepción máis tóxica. E outra vez ese sentimento de non dar a talla.

Levar tacóns mentres desexas fortemente abolir os xéneros, emocionarse con Pretty Woman, imaxinar como sería o vestido de noiva perfecto... Todas son incoherencias. Pero que me din dunha muller que loita pola fin dos moldes e á vez se sente culpable por facer o que lle apetece por non encaixar no de boa feminista? Esa non é unha incoherencia?

Faltan pouco máis de dúas semanas para o terceiro Día Internacional das Mulleres dende que fixemos historia e non está a cousa para sentir culpas. Podemos transformar o reguetón sen complexos, o amor e as relacións tóxicas. Resignifiquemos o baile e as festas, sempre centradas no pracer dos homes. Bailemos, perreemos, recordemos que, por moi malas que sexamos, estamos dispostas a ser peores.

Comentarios