Blog | Ventureiras

Mil asasinatos en tres lustros

Cartel de repulsa contra la violencia machista. AEP
photo_camera Cartel de repulsa contra la violencia machista. AEP

TIÑA UN compañeiro de clase no instituto que día si e día tamén facía bromas coa situación dunha veciña súa maltratada polo seu marido. As broncas, os moratóns e as malleiras eran motivo de chiste para o rapaz, que se xustificaba dicindo que, se ela o soportaba, era porque quería, porque ben podía terse separado había xa uns anos. Coa mesma pasmosa normalidade dese rapaz que por aquela non tiña máis de 16 anos asumimos aínda a día de hoxe a brutalidade da violencia contra as mulleres.

Van 16 anos de recontos e un milleiro de mulleres asasinadas. Unha cifra para conter o alento, sentir e presión do medo no peito e encherse de rabia. Porén, a uns meses de alcanzar os anos vinte do noso milenio, causa máis conmoción a morte dun xogador de fútbol de circula con exceso de velocidade pola autopista que os mil crimes contra as mulleres asasinadas polo simple feito de selo.

Conmociona máis a morte dun futbolista que mil asasinatos

Existe a teoría de que a dor allea nos afecta máis cantas máis posibilidades teñamos nós mesmos de padecela directamente. É dicir, dóenos menos unha nena violada e asasinada en calquera recuncho do continente africano que a gripe virulenta que colleu a nosa veciña do quinto. Pero no caso da violencia machista nin sequera funciona así, porque calquera de nós corre o risco de ser asasinada por ser muller.

No reconto da vergoña non entran asasinatos como o de Diana Quer ou Marta del Castillo, as carapuchiñas vermellas cuxas traxedias determinan os medos da correspondente xeración. Por suposto, non entran tampouco asasinatos a mulleres prostituídas que padecen a violencia física, sexual e psicolóxica non só de proxenetas, senón tamén de clientes.

Chegados a este punto cómpre revisar non só a nosa tolerancia á dor das mulleres alleas, senón a nosa empatía con elas. Especialmente, a empatía dos homes con elas. A empatía dos puteros con elas. Hai unha pregunta que non consigo responderme e que me levo facendo dende que hai uns días se descubrise a adopción irregular dun bebé fillo dunha muller escravizada polas mafias do sexo: Que tipo de home pode excitarse ante unha muller que non o desexa? É máis: Como consegue manter unha erección ante o sufrimento dunha persoa vulnerable á que está empregando para satisfacer non se sabe moi ben que desexos? A dita adopción deu a coñecer unha rede de trata de mulleres procedentes do Paraguai. Foron liberadas ata 13 vítimas de trata e sóubose que a nai do neno adoptado foi obrigada a prostituírse (a ser violada) dende os catro meses de embarazo ata o parto e que volveu ser explotada sexualmente tan só dúas semanas despois de dar a luz.

Aínda que me custe chegar a entender os motivos de quen goza co sufrimento alleo, a realidade di que ese tipo de home está en todas partes porque, malia á dificultade de realizar estudos fiables sobre o asunto, o inmenso negocio da prostitución indica que calquera dos homes que nos rodean pagou algunha vez por sexo. Poden ser os nosos pais, irmáns, fillos ou parellas. E poderiamos ser nós as que, sumidas nunha situación de vulnerabilidade, fosemos captadas por unha rede ou nos vísemos abocadas a prostituírnos.

Quizais por iso a eles lles preocupa máis a posibilidade de estamparse contra outro coche circulando a 200 quilómetros por hora e eu, se me paro a pensar, non son quen de pechar un ollo en toda a noite pensando no mundo no que vivimos. No que mil mulleres son asasinadas en tres lustros (e as que faltan). No que pagar por violar non está penado.

Comentarios