Sábado. 19.01.2019 |
El tiempo
Sábado. 19.01.2019
El tiempo

A miña carta aos Reis Magos

Uns nenos escriben a súa carta aos Reis Magos nun obradoiro de Mundonadal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Uns nenos escriben a súa carta aos Reis Magos nun obradoiro de Mundonadal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

QUE 2019 sexa un bo ano. Que non quedemos na casa mentres teñamos motivos para saír á rúa. Que o 8 de marzo volva ser un día histórico, outro, para as mulleres. Que a ninguén lle preocupen máis as case inexistentes denuncias falsas que os crimes machistas. Que non nos dea máis noxo un tampón que o número insoportable de asasinadas. Que non teña que finxir que falo por teléfono cando volva á casa. Nin eu nin ningunha de nós. Que nos escoiten cando falamos. Que non nos importe ese quilo que nos sobra, esa pel que nos colga, esa engurra que se asoma nin a celulite nas pernas. Que ningún home pague por sexo. Que teñamos moitas máis xefas. Que nós ascendamos a xefas. Que o sexo sexa sempre desexado. Que as manadas sexan só coma a nosa. Que se extingan os xuíces machistas. E os avogados. Qué diaño, que se extingan os machistas! Que non choremos por outra máis, por sermos unha menos.

Que non choremos por outra máis, por ser unha menos

Que as máis novas rebenten co seu teito de cristal, pola súa xuventude e por ser mulleres. Que a xente que estudou comigo deixe de emigrar. Que poida quedar en Pontevedra Marta, que quere ser científica e investigar. Que a empresa que puxo en marcha Carolina vaia adiante. Que Carlos non teña que pedirlle cartos aos pais para pagar a cota de autónomo. Que non existan os falsos autónomos. Que María poida dicir que non a esa bolsa de 400 euros tras anos de experiencia profesional porque atopou algo mellor. Que os novos teñamos traballo e que os maiores sigan cobrando as súas pensións. Que Ismail, que chegou en pateira fuxindo da miseria, atope traballo e quede entre nós ensinándonos cousas.

Que pagar o aluguer non leve a metade do noso salario. Que o prezo da vivenda sexa accesible. Que poñer a calefacción non sexa un luxo. Que poidamos facer moitas viaxes. E se non son moitas, que polo menos nos cheguen os cartos para escapar unha semana ao ano. Que todos os nenos almorcen ben. Que seus pais poidan mercar carne e peixe varias veces á semana. Que poidan pagar os lentes novos e máis o material escolar. Que os libros de texto deixen de ser tan importantes (e tan caros) e a escola sexa un lugar a onde todos queiran ir. Que toda a rapazada sexa feliz no colexio. Tamén as nenas gordas, as que naceron coa Síndrome de Down, os nenos que gustan de pintar as unllas, as mozas lesbianas, os rapaces transexuais, os bos e os malos estudantes.

Que non pechen as escolas do rural. Que as aldeas recuperen a vida. Que vivir no monte sexa máis cómodo. Que ser gandeiro sexa unha profesión de prestixio. Que quen nos alimenta coa súa horta teña un salario decente. Que redescubramos todo o bo que nos achega o bosque. Que nos reconciliemos cos soutos e máis coas carballeiras. Que o lume non nos asole nunca máis. Que quen vive no rural e coida do monte pague menos impostos. Que haxa pediatra en todos os concellos. Que Lorena e Iago non teñan que aboar 400 euros de escola infantil para poder conciliar. Que Sandra e Dani poidan ter un bebé porque dispoñan de tempo e recursos para adicarlle. E que non lle volvan preguntar a Uxía cando vai ser nai, porque non quere selo.

Que Pontevedra siga sendo a cidade dos nenos e das nenas. Que o modelo urbano chegue a todas as rúas e parroquias. Que nos sigamos sorprendendo cando viaxamos a outras cidades e vemos coches de máis, barullo de máis, fume de máis. Que a ría sexa un lugar limpo, rico e produtivo.

Esta é a miña carta aos Reis Magos. Pido pouco, só o que é xusto. Gardo moitos máis desexos para 2020. Ogallá sexamos moi felices nos doce meses que temos por diante.

A miña carta aos Reis Magos
Comentarios