Blog | Ventureiras

O 'blue year' e a tristura

 

COMEZAMOS ESTA semana tristes todas porque era blue monday. Luns azul, melancólico. Unha especie de fórmula matemática que elaborou un psicólogo disque vendido aos publicistas para o lanzamento puntual dunha campaña de publicidade dinos que o terceiro luns de cada mes de xaneiro temos que andar chorando polas esquinas. A finalidade, como non, que compremos algo para sacarnos de enriba a depresión.

Estar triste está penalizado e ter depresión estigmatizado

A fórmula do día máis triste do ano non lle beneficia a ninguén máis que a unha axencia de viaxes que, coa escusa de alegrar a lacrimóxena xornada aos estadounidenses, ofrecía nas primeiras edicións desta efeméride –por chamarlle dalgún xeito– paquetes de viaxes para escapar da realidade. Á fin e ao cabo, todo se soluciona mercando, xa sexa black friday ou blue monday.

O perverso deste invento do marketing é que frivoliza coa tristura que moitos si que padecen. Un dos factores que determinan que o blue monday sexa despois do Nadal é a coñecida como costa de xaneiro. En resumo, estamos tristes porque andamos pelados, entre outras cousas. "Eu pelado ando todo o ano", contestoume un compañeiro hai uns días. Non lle falta razón, chegar a fin de mes custa tamén en febreiro e en marzo e a pobreza é unha realidade que se nos pon diante todos os meses do ano. Nas casas nas que en xaneiro non se pon a calefacción, no verán non se pode ir de vacacións e cando chega setembro todos tremen pensando no desembolso que suporá o inicio do curso. O blue year, que lle chamaría eu.

É así, co medo de que á nena lle aumente a miopía e non poder pagar uns cristais novos para os lentes, como a tristura se converte en patoloxía. Logo virán psicólogos reputados a dicir que se pode ser feliz sen nada pero cando vendes libros coma churros e ingresas mensualmente cantidades que che dan para pagar o piso na cidade e máis a casa da praia e as vacacións de sol e as de neve cambia bastante a perspectiva. Sen dúbida, cando vives coa preocupación constante de non poder pagar a seguinte factura ser feliz e manter a saúde mental custa bastante máis.

A depresión é unha enfermidade tan terrible que impide a quen a padece levantarse da cama, mesmo falar ou abrir os ollos. Non hai dor comparable. É a principal causa de discapacidade a nivel mundial e a súa prevalencia medra alarmantemente nos últimos anos (un 18,4% entre 2005 e 2015). Porén, fronte á terapia psicolóxica, a sanidade pública segue a optar pola anestesia que oculta os síntomas desta patoloxía. Trankimazin ou Orfidal son algúns dos medicamentos máis receitados polos médicos en España.

E así, a base de ansiolíticos e antidepresivos, vivimos. Pelados e frustrados por non ser o que nalgún momento soñamos ou nos dixeron que tiñamos que ser. Coas redes sociais cheas de fotografías suxerentes e as súas respectivas etiquetas. #goodvibes, #galifornia e un #aquísufriendo irónico. Porque estar triste neste mundo seica perfecto está penalizado. E ter unha enfermidade mental, malia que unha de cada cinco persoas a padeza, é sinónimo de estigma. Se te medicas, mal, se vas ao psicólogo, non che hai que tomar en serio.

Pero chega o blue monday e entón está permitido entristecerse. Toca poñerse melancólico e buscar uns zapatos nas rebaixas ou reservar unha viaxe ao Caribe para paliar a tristura derivada da costa de xaneiro, do mal tempo e de que o propósito de ir ao ximnasio este 2019 fracasou. Dramático. Ogallá todos os males fosen eses.

Comentarios