lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

O conto da inclusión

Un patio de colexio. ADP
Un patio de colexio. ADP

A profe María deseñou unha clase apracible para Xosé. Todos sabían que a aquel neno non lle gustaban os ruídos fortes, que de cando en vez tiña que levantarse da súa cadeira e dar un paseíño pola clase e nunca, nunca, podía quedar só no patio. Dúas nenas eran as encargadas de que Xosé, que tiña dificultades para conectar co resto dos pequenos da clase, non se sentise illado.

A María a chegada daquel neno á súa aula colleuna despistada. Sentiuse pequena e no primeiro día de curso confesoulles aos pais que non sabía como afrontar a situación. Non tiña medios nin coñecementos, pero pronto soubo como traballar con aquel neno especial. Leu libros, falou con expertos e mantivo unha comunicación constante coa familia.

O problema é que María tivo que marchar o seguinte curso. A educación de Xosé quedou nas mans dun equipo docente pouco preparado que, ademais, tampouco se esforzou por formarse. E entón, nese punto, a inclusión de Xosé na educación ordinaria comezou a facerse insoportable.

A inclusión depende da boa vontade do profesorado

A súa familia xa sabía de antes que a súa vida na escola non sería fácil. Cando no anterior centro no que estivera foron de excursión a coñecer a radio por dentro invitaron á súa nai a deixalo na casa. Sería moi feo que un dos berros que emitía de vez en cando se coase polos micrófonos e alguén pensase que naquel colexio había nenos imperfectos. A excelencia, xa saben.

Deixar a atención á diversidade na boa vontade e na sensibilidade dos mestres condena a nenos con necesidades especiais a fuxir a centros de Educación Especial. Iso será así mentres non existan medios e formación constante do profesorado.

A vida de Xosé despois de María (que se despediu do centro emocionada por todo o que aprendera con aquel neno) cambiou radicalmente. De súpeto, na clase había que estar en silencio e as Matemáticas pasaron a importar máis que o compañeirismo. Escoito a miúdo a mestres dicir que ao colexio se vai a aprender contidos, que a educación se recibe na casa. Pois non. A escola debe ensinar tamén que os nenos xitanos poden ser amigos dos payos, que as rapazas son tan boas en Ciencias como os rapaces e que cativos como Xosé teñen o mesmo dereito a estar no mundo que calquera outro.

Os compañeiros dese neno sabíano mentres a profe María guiaba a clase. Despois, Xosé comezou a pasar o tempo de recreo só. As cousas foron torcéndose aínda máis. O neno empezou a falar de abusóns, foi consciente de que era diferente –peor que os demais– e todos llo facían saber. Despois viñeron reunións da familia co profesorado e titorías incómodas nas que os pais se queixaban de que os seus fillos –todos eminencias– non podían expremer ao máximo o seu talento por teren no mesmo pupitre a un rapaz que os molestaba. Os adultos son os primeiros en marxinar.

Tras moitas tardes nas que a nai de Xosé acudiu ao centro para manifestar que o neno estaba triste, decidiu deixar de levalo á escola ao comprobar que o cativo non o soportaba. Foi entón cando os mestres preguntaron entre o alumnado que era o que estaba a pasar. Varios nenos acabaron expulsados e Xosé nun centro de Educación Especial. Ata entón, o diagnóstico da situación que facía o profesorado era que a Xosé lle sobraban mimos e lle faltaba disciplina.

Esa non é a escola que eu quero para a cidadanía do futuro. Eu quero a escola de María, onde cabemos todas e todos. Mentres, o conto da inclusión que llo conten a quen queiran, pero non a Xosé.

O conto da inclusión
Comentarios