Blog | Ventureiras

O dereito a cansarse

Javi Foto de persoas coidando. Levando a algún maior en cadeira de rodas, dándolle a merenda a un neno... etc etc. Para unha foto apaisada da sección de opinión. Sara.
photo_camera Unha muller coidando un bebé pola rúa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Hai unhas semanas unha anciá de 70 anos confesábame que, por moito que queira ao seu marido, todos os días desexa que chegue a noite para deitalo na cama e descansar. El é dependente, nin come por si mesmo, nin é quen de levantarse, nin pode quedar só un minuto. A súa muller confesábase cansa, sen ganas de nada, e recoñecía que, malia non ter nin un segundo para o lecer, no momento no que se metía na cama non podía manter os ollos abertos para botarlle un vistazo a unha revista ou para ver un programa na televisión. En canto o seu marido dorme, ela cae rendida ata que soa o despertador para cambialo de postura, darlle o almorzo e volver comezar un novo día. 

A maioría das mulleres con fillos que traballan fóra da casa (porque dentro tamén se traballa moito) andan a tombos dun lado para o outro tapando as olleiras con maquillaxe se atopan uns segundos para facelo e compatibilizan a vida profesional con recordatorios telefónicos cando toca o apiretal nos días nos que o neno ou a nena colleu un virus. Chegan como poden ao traballo e tratan de disimular o cansanzo, botan auga na cara e continúan intentando que o cansanzo non se detecte. 

Que ninguén recoñece o dereito ao cansanzo de quen coida é sabido. Que o Estado non coida aos coidadores tamén. Cunha lei de dependencia que non serve para nada se non hai cartos para implantar medidas reais e unha ristra de boas intencións non se lle soluciona a vida a esa anciá que aproveitou a hora da sesta do seu marido enfermo para contar, avergonzada, a súa penosa situación, xa non só por non ter tempo, senón tamñen por verse abocada á pobreza. 

As coidadoras nunca foron as heroínas de ninguén

As coidadoras nunca foron as heroínas de ninguén e quizáis por iso non se lles recoñece o dereito a cansarse. Respéctase moito máis a imaxe dun grupo de bombeiros exhaustos nunha cuneta despois de enfrontarse ao lume, unha tarefa ardua e para valentes, sen dúbida, pero non menos meritoria que a de mulleres que adican a súa vida a coidar. Aprendemos dende sempre a honrar o descanso do guerreiro, do home que volve a casa despois de traballar e necesita ter a cea quente na mesa e as pantuflas preto do sillón, para relaxarse mentres toma unha cervexa. 

Quizais por iso haxa quen considere que a sesta do alcalde no Parlamento de Galicia despois de coidar dun familiar hospitalizado pode ser un motivo para facer chanza. Ou incluso peor, para facer política. Quixais se un cargo político amosase o seu cansanzo despois de asinar unha negociación para traer unha multinacional á súa cidade todos o tratarían como un heroe. Pero, bah, neste caso só estaba coidando. Que importan os que coidan. Súbeo a Twitter e nada de rectificar. 

Cando se fala da urxente necesidade de feminizar a política deben de referirse a isto. Ollo, que ser muller non é sinónimo de entrega abnegación, pero de coidar sabemos algo. Quizais eses coñecementos serviran para amañar algo que si que nos ten cansas a todas: a política. Coidar debe de ser o eixo central do traballo de quen nos goberna. Os nosos políticos están aí para administrar, para xestionar, pero tamén para exercer tarefas de coidados coa cidadanía. Se este aspecto estivese no horizonte de quen manda, nin a protagonista coa que empecei este artigo viviría tan soa, nin tan pobre, nin conciliar sería tarefa imposible, nin o traballo de coidador tería menos valor social que o dun bombeiro que nos salva das lapas. Quizáis, con máis mulleres e menos testosterona, nin teríamos que ir votar en novembro.