lunes. 06.04.2020 |
El tiempo
lunes. 06.04.2020
El tiempo

'Oie, gayego' a ritmo de trap

Verto, no Luar, o pasado 17 de xaneiro. CRTVG
Verto, no Luar, o pasado 17 de xaneiro. CRTVG

Oie gayego,
me encanta tu idioma,
sois tan riquiños.
Oie gayego, habláis como cantando,
sois tan riquiños.
Oie gayego,
me encantan tus temas pero es una pena
que estén en 'gayego'

EXISTE GALICIA un grupo que canta trap e o fai en galego. Moitas de nós coñecemos a Verto pola súa interpretación de Oie gayego no programa da Televisión de Galicia Luar. A farándula pode facerse en galego e con retranca. Iso sabémolo, pero ás veces teñen que nolo recordar rapaces como os do grupo Verto, que celebraban a fin dos exames en Compostela coa presentación deste tema no Avante. Os artistas, estudantes de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, poñían de pé ao público do Luar cun himno que ironiza arredor dos prexuízos que abundan arredor de Galicia, o seu idioma e a súa xente.

Oie gayego é tamén o presentador dos Goya repetindo unha e outra vez Oliver Lakse. "Cada vez que di Lakse seca un carballo", di cía alguén en Twitter. Ogallá todos os males foran eses. Hai uns días escoitaba nun programa de televisión como se referían ao carácter cerrado como factor determinante na aparición do fenómeno do narcotráfico en Galicia, obviando a firme oposición e o activismo de centos de nais contra a droga que se chantaron ante mansións, bares e xulgados para sinalar aos narcos. Disque o clima tamén fai que sexamos así, introvertidos, con algo escuro na mente, mesmo Luis Zahera dicía non hai moito na radio que todo galego leva un narco dentro. Eu busco tratando de atopalo, pero non dou con el. "Oie gayego, sois todos muy majos, un poco cerrados pero hogareños", din os rapaces de Verto.

Somos potencia en toponimia con tres millóns de nomes de lugares

O caso é que de cando en vez a xente nova recupera o entusiasmo que parecía perdido e fai cousas que rachan cos prexuízos ríndose deles. Os trapeiros do Luar recordaron que o humor, a música, a modernez e o trap son compatibles co galego. É máis, a lingua é, precisamente, o elemento diferenciador que fai de Oie gayego un temazo que levanta a un interxeracional público no Luar para bater as palmas.

Dicía o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, na entrevista de Conversas na UVigo que lle fixo a compañeira María Varela o pasado martes, que a Academia ten que conectar o galego coa vida, o que implica tamén a empresa. Freixanes dicía que aínda nos custa entender que sendo o que somos, galegos e galegas, podemos situarnos mellor no mundo.

Percorrer un traxecto de 500 metros en Galicia é pasar por lugares con 20 nomes diferentes. O camiño da Antela, o barrio do Reguengo, o penedo do Cabo ou o regato das Cortellas. Somos potencia en toponimia con tres millóns de nomes para designar lugares (algúns aínda deturpados, que lles vou contar eu aos de Sangenjo), unha terceira parte de todos os que hai no Estado español e 15.000 máis que en todo Portugal. Por certo, en Galicia naceu unha lingua que falan 260 millóns de persoas en todo o mundo. Non son amiga de patriotismo barato, non se enganen, isto non pretende ser o anuncio dunha cadea de supermercados. Pero si, de cando en vez semella que precisemos un coach que nos recorde que ser galega non é malo, que ata pode ser bo. Un Oliver Laxe e unha Benedicta Sánchez situando o cine galego no foco (malia o Lakse), un Freixanes dando datos ou uns rapaces como os de Verto facendo trap galego e con retranca como só nós podemos facelo.

'Oie, gayego' a ritmo de trap
Comentarios