Blog | Ventureiras

A oportunidade tras o incendio

Unha brigada deseucaliptizadora en Cotobade. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha brigada deseucaliptizadora en Cotobade. GONZALO GARCÍA

HABÍA UN eucaliptal con árbores de máis de trinta metros de altura sen control ningún a menos de dez metros da casa. Cando todo ardeu, a tona dun deses eucaliptos foi parar ao tellado e, así, o lume levou por diante tamén aquela vivenda. Quen vivira nela nin sequera tiña un par de bragas para cambiarse o día despois do lume, nin as fotografías da súa voda, nin sequera o DNI.

Pode ser a historia de calquera familia que perdera a casa ou o negocio nos lumes que asolaron a provincia en outubro de 2017. Pero est e problema vén xa de atrás. Do verán de 2006 ou de calquera outro estío no que puntualmente arden as correspondentes hectáreas. Os incendios son aterradores e deixan unha paisaxe de desolación da que parece imposible repoñerse. Como se desaparecese para sempre a posibilidade de volver ver a cor verde no monte queimado.

O bo do lume é que ofrece a posibilidade de empezar de novo

Durante días aparecen animais asfixiados polo fume ou carbonizados polas chamas nas cunetas, a cidadanía láiase do descoidados que están os montes e agradece que as lapas non teñan levado por diante nada máis e os xornais rescatan historias de como un veciño axudou a outro a apagar o lume con mangueiras. Os políticos, por suposto, visitan a zona cero e préstanse para a correspondente foto, por exemplo, cunha mangueira na man.

O bo do lume, como en todas as catástrofes, é que ofrece a posibilidade de volver empezar de novo. O malo, que volvemos escoller o mesmo camiño unha e outra vez. Por iso cada verán (e mesmo outono), cando coinciden certas condicións meteorolóxicas, o monte volve arder. E, de novo, o ciclo ponse en marcha outra vez. O problema non é que haxa un par de pirómanos por núcleo poblacional ou que o vento sopre demasiado forte xusto no día no que prende o lume nun mollo de fento seco no monte. O principal motivo polo que as lapas se propagan é que o monte galego é carne de canón para os incendios. E, ademais, sobre este factor si poden influír as persoas e, consecuentemente, os gobernos.

Prodúcese un punto de inflexión cando o drama do lume vai máis alá dun par de hectáreas queimadas. Sábeno os veciños que viven ao Sur do Miño, que padeceron xa a voracidade dos incendios que levaron por diante as vidas de máis dun cento de persoas só ao longo do ano 2017. Reaccionar despois dun desastre de tal magnitude non é difícil, e tampouco debería selo uns quilómetros máis ao Norte, porque as chamas son cada vez máis virulentas e comprobámolo en 2017.

Mentres o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, se remangaba para arrincar el mesmo eucaliptos (tamén para a foto), aquí a Xunta nega o seu carácter invasor. Sabémolo, o medo ao cambio é unha debilidade humana, pero máis medo nos debería producir o lume. Manter montes cheos de eucaliptos cuxo prezo apenas cubre os custos da man de obra para limpar o terreo non ten sentido. Tampouco o ten arrincar exemplares de eucalipto porque si sen ningún tipo de planificación, sobre todo porque se hai unha árbore que agroma de novo esa é o eucalipto. Por iso urxe tomar medidas para recuperar os bosques frondosos autóctonos e poñer freo ao crecemento descontrolado deste cultivo nos montes.

Nesa tarefa precísase o traballo de técnicos, non de políticos, expertos en enxeñaría forestal, en bioloxía, en biodiversidade e preservación do medio. Sería extraordinario contar co talento da xente que sabe para poder recuperar bosques ricos de diversidade. Ogallá os meus impostos serviran para iso.

Comentarios