Blog | Ventureiras

Os novos 20

A xuventude, de botellón en Peñas. EMILIO MOLDES
photo_camera A xuventude, de botellón en Peñas. EMILIO MOLDES

Dinnos para animarnos que os 30 son os novos 20, que a diversión non acaba aquí e que temos aínda tempo para gozar sen preocupacións nin responsabilidades. Para ben ou para mal, é certo. A xeración que con 30 anos se hipotecaba, tiña críos e pedía préstamos para comprar un coche do trinque asiste hoxe compunxida á realidade da xuventude ilimitada dos seus fillos, ninis ou coleccionistas de minijobs, que non teñen nin para pagar o aluguer mentres lles venden a súa situación como algo cool, mira ti que guai non ter cartos para deixar a casa dos pais e traballar de repartidora de pizzas mentres estudas outro máster ou te resignas a opositar para conserxe. Que boa a liberdade que dá non ter cartos. Marabilloso. 

Coñezo exemplos de xente que, no afán por saír da adolescencia que lle impoñen, deseña plans de futuro apaixoantes imaxinando un soldo fixo como repartidores de Correos a pesar de ter unha licenciatura, un mestrado e manexarse en catro idiomas. Sei de quen soña con ser conserxe, malia a ter a licenciatura en Xornalismo e media carreira de Ciencias Políticas, e se ergue todos os sábados cedo para ir a unha academia a preparar oposicións coa ilusión de ter un posto de traballo estable (aínda que moi por debaixo do que lle correspondería pola súa formación) abríndolle a porta do despacho ou facéndolle fotocopias ao político que toque. Cando a fábrica de Citröen en Vigo lanzou unha oferta de postos de traballo a tempo parcial para cubrir as fins de semana na fábrica, un enorme exército de licenciadas e graduadas lanzouse a presentar o seu currículo coma quen fai cola ás portas do Corte Inglés o sete de xaneiro. Daquel furor por un emprego, hai biólogos que quedaron encantados por poder traballar as fins de semana nunha cadea de montaxe. Tocoulles a lotería, sen dúbida. 

Non se trata de abolir os empregos que precisan menos cualificación nin de gardar grandes salarios e postos de responsabilidade todo o que teña estudos universitarios porque, hoxe por hoxe, todos os temos. Pero foron precisamente os nosos maiores os que nos inculcaron que debiamos estudar para 'ser algo' e son tamén eles os que agora nos chaman vagos e irresponsables se nos frustramos por aceptar postos de traballo para os cales non era necesario tanto título. Os mesmos que din que traballo hai de sobra, que o que non hai é quen traballe. 

Hai licenciadas soñando con ser conserxes para ter un traballo estable

Mentres, a sombra dunha nova recesión ameaza a economía e comentaban onte na radio que o principal problema era que as familas non consumían. Claro que si, será que os nin mileuristas teñen millóns e millóns aforrados debaixo do colchón e non os poñen en circulación. Por non falar de que, se cadra, o modelo de consumo e a obsesión por crecer ilimitadamente —máis ben por que os de arriba crezan ilimitadamente— non é o mellor á vista dos resultados, xa non só para as persoas, senón tamén para un planeta ao borde do colapso. 

Pero se de algo se nos quere facer responsable á xeración á que non lle deixan medrar é da baixa taxa de natalidade. Esa pregunta que cae si ou si despois dos 30 a todas as mulleres —para cando un neno?— e coa que mesmo se fai política. Resulta que cada vez a poboación está máis avellentada porque as mozas novas, irresponsables e vividoras, non queren poñerse a parir. Que os próximos xubilados non van ter quen lles pague a pensión e o Estado do Benestar treme mentres nos adicamos a estancar a economía vivindo 'cual veinteañeras'. 

Honestamente, cruzar a barreira dos 30 produce vertixe. A adolestreinta —como viu bautizar algún creador de contidos avispado a esa xeración de peterpans que se resisten ao paso do tempo e zugan nos pais ata os 40— non é tan divertida como parece. Ogallá os 30 fosen os novos 20 porque a diversión xa non é patrimonio de ningunha idade. O certo é que o son, pode que pola parranda, pero tamén pola precariedade.

Comentarios