Miércoles. 20.03.2019 |
El tiempo
Miércoles. 20.03.2019
El tiempo

Piso con garaxe por un ril

Un grupo de mozos nin se paran a ver o prezo do aluguer ante unha inmobiliaria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)
Un grupo de mozos nin se paran a ver o prezo do aluguer ante unha inmobiliaria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)

"ATOPAR piso con garaxe sen que me quiten un ril molaría". O chío estaba hai uns días pendurado en Twitter e podería valer como principio á hora de embarcarse na inesquecible aventura de buscar vivenda de aluguer sen falecer no intento. "Buscar piso esgótame", engadía outro tuiteiro para responder. Vivir está polas nubes, non importa cando nin onde leas isto.

Hai anos que me enfrontei eu tamén á ardua tarefa de atopar un recuncho onde vivir en Pontevedra. Dende entón os prezos da vivenda disparáronse aínda máis e aquel cuartucho de 300 euros no que cociña, salón e dormitorio compartían o mesmo espazo podería rozar agora os 400 euros. Por que non? Parece ser que nos vai a todas de vicio, que os salarios medran sen parar e a burbulla do aluguer fai o propio: está que rebenta. Pero non dá rebentado.

Sen traballo, casa nin independencia aos 30 vívese de marabilla

Despois da miña estancia naquel loft cutre de 20 metros cadrados pasei por un piso na zona vella con caruncho nos armarios, unha terraza na que entraba auga e un cuarto de baño no que, se chovía, as precipitacións chegaban ao retrete. Noutro dos pisos nos que vivín a propietaria esixía aplicar a suba do IPC ao prezo do aluguer mais non se amosaba tan rigorosa á hora de declarar os ingresos do mesmo ante Hacienda.

A cuestión é que se unha se pon a buscar a día de hoxe unha vivenda en Pontevedra teno difícil, por non dicir imposible, para atopar unha cuxo prezo non supere os 400 euros. Fagamos o experimento. Piso en Pontevedra capital por menos de 350 euros ao mes (ningunha outra esixencia). Só seis pisos responden a estes criterios en toda a cidade. E menudos pisos. Acolledores, xa saben, pero feitos un cristo. Subamos o prezo entón, a ver se a cousa mellora. Por 400 euros xa hai máis onde escoller, un total de 13 vivendas. Nesta altura cómpre detallar que destas 13 ofertas, algunhas son de habitacións en pisos compartidos, como na época de estudantes. Ai, é que no fondo, á xente de 30 encántalle vivir nesa síndrome de eterno Peter Pan. Nin traballo fixo, nin vivenda de seu, nin independencia económica. Unha marabilla.

Pero sigamos buscando piso en Pontevedra, a cidade dos peóns, esa na que se tes coche para ir dun minijob ao outro tes que ter tamén praza de garaxe. Procuremos logo unha vivenda por 400 euros como moito e con praza de garaxe. Que sorte! No portal Fotocasa aparece unha única oferta: un piso en Monte Porreiro por 400 euros. Mellor que nada...

As contas non saen. En tempos de salarios mileuristas, a suma dos gastos de aluguer, o prezo da luz, a factura da auga e o recibo do gas conforman unha ecuación imposible que só poden resolver papá e mamá cun traspaso a finais de mes. E iso no mellor dos casos. Se a economía das familias depende das pensións da avoa, que axuda puntualmente a fillas e netas, hai algo que non funciona. É incongruente que o salario mínimo mensual sexa de 900 euros e que o prezo de alugar un piso de dúas habitacións con garaxe nunha cidade como Pontevedra rolde os 600.

Se o que lle interesa aos partidos é encher o peto das pensións con máis xente nova traballando e cun aumento da natalidade que garanta o futuro do sistema, que comecen por meter man no que nos custa vivir. Porque ás mulleres de 30 vannos entrar máis ganas de ser nais se temos un salario seguro e unha vivenda accesible. Sen dúbida, será un incentivo mellor que que nos quiten o dereito a abortar de xeito seguro e gratuíto na sanidade pública ou que a opción de alugar o noso ventre sexa legal. Molaría un piso con garaxe sen ter que alugar o útero.

Piso con garaxe por un ril
Comentarios