Blog | Ventureiras

Porcas

Performance do movemento feminista de Pontevedra na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Performance do movemento feminista de Pontevedra na Praza da Peregrina. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

DICÍA O cura de Zas, que ten medo de ser acusado de violador, que as mulleres que saen ás rúas para reproducir a performance chilena El violador eres tú son unha manda de porcas. O ataque de ira (pecado capital, por certo) do sacerdote, do que xa se arrepentiu, leva consigo varios detalles curiosos dos que tirar. Chamou ás feministas manda nun momento no que esa palabra ten xa un novo significado, despois de que o caso da autodenominada manada do San Fermín supuxese un antes e un despois na forma de entender as agresións sexuais. Por outra parte, é ben curioso que a un cura lle preocupe máis como lle pode salpicar unha performance dun grupo feminista que os casos de violacións a menores na institución á que pertence. Para cando este cura deixándose levar pola —lóxica— ira e empregando as redes para chamarlles porcos aos seus compañeiros violadores de nenos e nenas?

Para eles somos unhas porcas. Non somos seres humanos

A raíz da polémica xurdida pola declaración do cura, había xente que pedía non darlle relevancia mediática a este tipo de comentarios que —sabémolo— seguen presentes nas cabezas de moitos pero que non deben adquirir voz mediática porque elevalos a noticia pode ser máis malo que bo. Porén, non é a opinión do cura de Zas a que máis preocupa. Chámenlle modernidade líquida ou crise de valores, pero a realidade é que o que opine un cura non é xa demasiado importante para a xente que conforma a sociedade na que vivimos. Digamos que Francisco, que así se chama o párroco, é un outsider nun mundo que lle custa xa demasiado comprender.

Pero o mito persiste. Seguimos a ser Eva, a culpable. Eva, a pecadora (como nos veñen recordar as compañeiras de Comando Mazá). En definitiva, somos, independentemente do que diga Francisco, unhas porcas. Decateime disto hai relativamente pouco, cando botando unha ollada de esguello ao móbil dun home ‘normal’ vin un ‘meme’ no que aparecían ducias de pernas de muller atadas polos nocellos a unha viga con cadansúa vaxina á vista, como se se tratase de xamóns de porco pendurados para afumar. Unha muller descuartizada, deshumanizada, cuxo valor se reducía a unha vaxina, cuns zapatos de tacón como adorno, como o lazo que acompaña a un pernil que regalas no Nadal. Para moitos esta imaxe non será arrepiante, pero eu vin naquel chiste trazos evidentes de psicopatía.

Probablemente este tipo de imaxes circulen en grupos de Whatsapp de homes dende que teñen acceso a un teléfono móbil, con aproximadamente doce anos. Eu, allea a ese cosmos que fabrica masculinidades tóxicas que confunden mulleres con porcas, vaxinas con bens de consumo, festas con violacións, non podo deixar de estremecerme ao pensar na imaxe que pode ter de min un rapaz calquera. Como os ex xogadores do Arandina acusados de violación.

Se hai un modelo de referencia para os mozos máis novos, que medran dentro da heteronormatividade máis clásica, ese é o que ofrecen os futbolistas. Todo o que rodea ao deporte rei crea tendencia. Darlle espazo mediático ao discurso dun violador moderno que non sabe diferenciar a unha muller excitada dunha nena ansiosa por medrar si que é un perigo. Consentir que os hinchas dun equipo coreen cánticos de defensa dun maltratador ou lemas nos que proclaman a vaxina de Shakira como un ben público é aterrador. Para eles, para os ex xogadores do Arandina, para o cura de Zas, para os que non frean mensaxes virais como as que comparan pernas de muller con xamóns ou para o miñaxoia que mandou ás feministas a facer a cea somos unhas porcas. Non somos seres humanos. Por iso seguirán respaldando algo que nos pon en perigo a todas cada vez que nos achegamos a un home: a cultura da violación. Efectivamente, queridos, sodes violadores por acción ou omisión. Sodes un perigo. Diso fala a cantiga que tanto vos indigna.

Comentarios