Blog | Ventureiras

A síndrome dos pais repelentes

Nenos a saída dunha escola. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Nenos a saída dunha escola. GONZALO GARCÍA (ADP)

POÑEMOS O lazo, tiramos de slogan e penduramos o globo da cor que toque na fiestra. Na lista de efemérides de cada día, cada quen expresa o seu compromiso como lle peta. Normalmente, esaxeramos a solidariedade e amosamos a nosa mellor cara, quizais porque as redes sociais nos converteron nun produto e como tal nos temos que vender (comprensivas e coa mente aberta) ou pode que por inercia, porque é politicamente correcto e porque o fai todo o mundo.

Hai dous días, o 2 de abril, celebrouse o Día Internacional de Concienciación sobre o Autismo. Os edificios ilumináronse de azul e en moitos perfís das redes sociais, unos e outros penduraron imaxes reivindicando a inclusión. Porén, en xullo, Alberto cumprirá oito anos e, segundo se pode prever tras os seus dous últimos aniversarios, á festa de celebración irán só dous ou tres nenos dos 25 que hai no seu curso. Cantos pais e nais dos que prefiren non levar aos seus fillos á festa de Alberto penduraron lazos no seu perfil de Facebook? Se cadra uns poucos. Pode que Alberto cumpra anos nunha época complicada. Xa saben, en xullo presta máis a praia que unha festa de aniversario con nenos e nenas berrando, pero resulta que cando se trata de convidalo a el tampouco ten demasiado éxito. En dous anos foi a dúas celebracións de compañeiros da escola.

É dende as marxes dende onde xorden as visións máis interesantes

Cóntame isto a súa nai, que vive e traballa para el. Que se ergue pola mañá pensando en Alberto e só pode pechar os ollos cando o pequeno xa dorme. Sempre as nais. Penso en que tipo de sociedade estamos construíndo se deixamos soa á nai de Alberto, xa non só no coidado dunha persoa dependente que non permite nin un segundo de descanso, senón na soidade máis absoluta que supón a marxinación, as miradas condescendentes, os comentarios fóra de lugar, as insinuacións sobre a boa ou mala educación que reciben os nenos.

Sei ben o que doen as miradas cando alguén próximo a ti é diferente. Afectan máis aínda porque tes a certeza de que a persoa rara, a que non encaixa, é valiosa e ten moito que achegar á sociedade. É dende as marxes dende onde xorden as perspectivas máis interesantes e vivir alleas ao que nos poden ofrecer novas formas de entender a vida é, obxectivamente, renunciar a unha visión do mundo máis completa.

Á longa lista de trastornos e síndromes que poñen nome ás dificultades duns e outras para afacerse a un mundo que ás veces é incomprensible hai que engadir unha nova: a síndrome dos pais repelentes. Os pais e nais que temen que ao seu fillo -sempre unha promesa, excelente, intelixentísimo e perfectísimo- se lle pegue algo dese neno ou nena da clase que ten un aquel estraño que non encaixa na idea de neno perfecto. Dos pais repelentes saen os nenos e nenas repelentes. Porque ninguén nace cos prexuízos de serie, porque na clase de Alberto todos os nenos e nenas xogan con el no patio. Xa veremos que ocorre dentro duns anos, cando os prexuízos dos maiores vaian transmitíndose aos pequenos.

Cada vez que escoito a palabra autista -ou subnormal ou retrasado- como un insulto non podo evitar conter a respiración. Dáme mágoa, nin sequera rabia, quen confunde as discapacidades dos neurotípicos ou normais (que as temos) cunha condición coa que nacen millóns de persoas que poderíamos ter sido calquera de nós. Seres humanos, que, ademais, poden ensinarnos moito. A min Alberto ensinoume, por exemplo, que os lazos non serven para nada se a implicación non é diaria, real e desinteresada. Grazas, Alberto!

Comentarios