Blog | Ventureiras

Somos urbanistas

 
Unha nena durante a inauguración do novo parque de Campolongo. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha nena durante a inauguración do novo parque de Campolongo. RAFA FARIÑA

NON PODEMOS evitalo. Somos urbanistas, que non urbanitas. Vivir en Pontevedra deixa un pouso de coñecementos de organización urbana que non posúe calquera. Mesmo nos poderían dar un máster en Urbanismo, que se Cifuentes sacou un de Dereito Autonómico pola moca, aquí tamén podemos aproveitar os nosos coñecementos para inflar currículo.

Non é a primeira vez que me sorprendo noutra cidade imaxinando o ben que quedaría un lombo nunha rúa ou o necesario que é peonalizar as vías polas que camiño. Con certa chulería presumo ante amigos que viven noutras cidades e dígolles o ben que se está en Pontevedra, o moito que escoito o barullo dos coches nas súas cidades e o pouco que o sinto na miña; o fume que me inqueda nos núcleo doutras vilas mentres na do Lérez nin me decato dos motores.

A Lores pídolle un lombo diante da casa e que siga peonalizando

O do orgullo pontevedrés é un discurso que sabe vender ben o alcalde. Que escoita os paxariños desde a Michelena sábeno os nenos todos que o visitaron no Concello, tamén os alcaldes doutras localidades que viñeron a Pontevedra a coñecer o modelo de cidade, os medios de comunicación estranxeiros que o entrevistaron ou os alumnos e alumnas que viñeron de intercambio á Boa Vila. O discurso do modelo de cidade sérvelle a Lores para inaugurar un congreso de filosofía ou de saúde. Se falamos de revolución, para revolución a do modelo urbano de Pontevedra. Se falamos de saúde, para vida saudable a nosa.

O caso é que, malia ser repetitivo, o discurso é certo. Construír cidades máis humanas, ecolóxicas e seguras é cousa do futuro. Os que se agarran a argumentos vellos sobre o difícil que é vender se o cliente non pode aparcar na porta da tenda terán que desprenderse deles co tempo, porque a razón non está do seu lado. Que mellor representación do futuro que os nenos e as nenas? Pois ben, os de Pontevedra inauguraban o venres un parque en Campolongo cunha merenda e saben que as prazas son nosas, para xogar e non para estar ocupadas por coches. Somos as persoas adultas as que nos temos que reeducar se queremos estar ao día. Eu só vivín na Pontevedra peonalizada. Cando cheguei bufaba por non atopar onde aparcar o coche e daba voltas para conseguir un oco o máis preto da casa posible. Logo aprendín que era máis cómodo estacionar algo máis lonxe e andar un pouco máis, pero enfadábame o tempo que perdía na camiñada. Agora gozo do paseo e escoito os paxariños, que diría o alcalde. Ese é o encanto de Pontevedra, que co tempo o seu modelo engancha.

E agora, como se fose eu PTV, presumo de vivir nunha cidade pioneira na que, tal e como explicaba Serafín Alonso neste periódico hai uns días, non faleceu ningunha persoa vítima de accidente de tráfico nos últimos oito anos e prioriza á cidadanía fronte aos coches, por moi incómodos que sexan os lombos. Cóntollo a quen non a coñece e mesmo teño charlas sobre o modelo de cidade cando atopo algún arquitecto. Xa ven, eu tamén son urbanista. A Lores pídolle que siga peonalizando, que me poña un lombo diante da casa, que adecente Mollavao, algún colector de reciclaxe máis preto e máis opcións para moverse en bici, que para algo estamos en precampaña.

Quedan catro que se opoñen ao irremediable paso do tempo. Son os mesmos que se resistían a deixar de fumar en lugares pechados cando foi aprobada a lei antitabaco, os que renegan do cambio climático e queren seguir indo a 100 quilómetros por hora polas estradas secundarias. Pouco lles vai durar.

Comentarios