Blog | Ventureiras

Unha utopía

Personal de emergencias en la entrada de Urxencias del Hospital Montecelo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Entrada de Urxencias do Hospital de Montecelo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

PREGUNTABA HELEN, con xesto de incredulidade, se iso da sanidade pública e universal era real. Se ela podería ir ao médico despois de tres semanas nas que un catarro teimaba en amolala e non deixala durmir polas noites. E eu explicáballe que si, que podía facer uso da sanidade cando o necesitase porque ninguén lle ía pechar as portas dun centro de saúde. Aquela moza estadounidense ilusionada que cantaruxaba pola casa facéndolle os coros a Barack Obama naquel histórico ‘Yes, we can’ atopaba no país no que estudaba grazas a un convenio universitario a materialización do que para ela era unha utopía.

Eu, que tiña interiorizado que o acceso á sanidade era un dereito máis que conquistado, sacaba peito e explicáballe que aquí non hai que pagar un seguro médico privado, que calquera persoa, nacera onde nacera, tivese o que tivese amasado na conta de aforro, ía ser atendida nun hospital público. Pouco entendo de orgullo patrio, pero penso que aquela explicación sobre o sistema sanitario ao que teño acceso como cidadá galega foi algo semellante a iso. Porque patriotismo de verdade é pagar impostos con gusto para presumir de servizos públicos para todas e todos. Cantos máis, mellor.

A metade dos custos que supón o cancro asúmeos o doente

Sei de quen recibe un tratamento punteiro contra un cancro do que cada dose custa arredor dos 18.000 euros. O que custa un coche do trinque inxectado en vea cada dúas semanas. Hai uns días celebrábase do Día da Loita contra as Enfermidades Oncolóxicas e cada un dos pacientes que sobreviviran a esta enfermidade recordaban ao equipo de profesionais da sanidade pública que os atenderan en canto mentaban a súa doenza. «Se non é polo noso sistema sanitario, eu estaría morta», sentenciaba unha das afectadas.

A plataforma SOS Sanidade Pública sae este domingo á rúa para defender nunha manifestación os dereitos acadados e loitar contra os recortes na mesma semana na que a Xunta se viu obrigada a reabrir o paridoiro do Hospital Comarcal de Verín pola presión social, sobre todo das mulleres. Temos un equipo de profesionais envexables curando cada día a milleiros de persoas e facendo da vida un lugar máis feliz, quitando dores, extirpando tumores, sanando mentes... Pero hai que insistir en que a utopía é fráxil e, ademais, sempre se pode mellorar.

Non ten sentido pedir cita para ir ao médico por unha gripe e que este non te atenda ata unha semana despois, cando todos os síntomas van remitindo. Está moi ben ter acceso a Urxencias médicas sempre que se precise, pero hai que traballar para que os pacientes non pasen horas e horas nun corredor esperando unha habitación, incluso cando sexa unha excepción e non a norma. Os responsables da xestión dos hospitais felicítanse polo peche de camas e pola prontitude na que os pacientes que pasan por unha cirurxía son dados de alta pero non teño tan claro se se preguntan en que condicións esas persoas reciben a alta, nin se na casa hai coidadores dispoñibles que os poidan atender durante a convalecencia igual de ben que os profesionais dun hospital. Tamén con motivo do Día de Loita Contra o Cancro a AECC recordaba que a metade dos custos derivados desta doenza teñen que asumilos os enfermos e as súas familias.

Un deses gastos pode ser, por exemplo, a atención psicolóxica. U-la saúde mental na sanidade pública? Para cando psicólogos, podólogos ou fisioterapeutas nos centros de saúde? Para cando unha sanidade que escoite ao paciente e cambie o ansiolítico como primeira opción por unha atención á saúde mental completa sen ter que pagar 50 euros por sesión na privada? Semellará unha utopía, tamén a Helen llo parecía. Pero neste ámbito somos expertas en cumprir metas que parecen imposibles.

Comentarios