Blog | Ventureiras

Non me toquen os privilexios

Un usuario entra en Twitter. DP
photo_camera Un usuario entra en Twitter. DP

Ler por enriba os comentarios que teñen as noticias dos xornais nas redes sociais co ánimo de palpar o pulso social arredor de determinados temas de actualidade non ten por que ser un método fiable. Non é científico nin representativo (esperamos), pero é curioso como uns temas atopan a comprensión popular e outros, pola contra, supoñen a exposición circense dos suxeitos, a burla e o escarnio ata case pedir a lapidación da autora ou protagonista en redes sociais. 

Hai semanas, co debate sobre a regulación da eutanasia aberto, todo o mundo empatizaba coas persoas enfermas que desexan poñer fin ao sufrimento provocado por determinadas doenzas. Porén, días despois publicábase unha reportaxe sobre conciliación na que un grupo de profesionais mulleres reclamaban máis implicación masculina. E, esta semana, outra sobre fenda salarial. Falar de feminismo é garante para que unha lexión de ‘haters’ se lance a criticar o vitimismo das feminazis, pero apelar directamente á responsabilidade dos homes á hora de loitar pola igualdade xa son palabras maiores. Os privilexios, bonitas, non se tocan. Iso que quede clariño. 

Temos que desexar fortemente e cos ollos pechados que a igualdade sexa real. Como un soño que se materializa sen que ninguén renuncie a nada e por arte de maxia. Queixarse en baixiño, esforzarse porque nos traten igual que os homes, estudar moito para ser xefas, traballar o triple para rachar teitos de cristal, demostrar a nosa valía, deixar de ter tanto medo a falar en público (porque, tamén, mira que somos parvas e inseguras e, por suposto, as máis machistas e as que nos poñemos máis límites e mira que seremos malas -malísimas- entre nós). Pero o máis importante de todo, o que temos que entender porque se non faránnolo entender a base de insultos, é que temos que facelo sen molestar. 

Está ben loitar pola igualdade, pero sempre sen molestar

A un grupo de mulleres profesionais de diferentes sectores preguntáballe hai uns días que desigualdades percibían no seu día a día con respecto aos homes e sinalaban directamente á conciliación. Ao feito de que ter fillos e fillas é unha carga tan grande que supón un teito de cristal para ascender nas súas carreiras. Que están esgotadas e que non notan ese cansanzo nos seus compañeiros varóns. Que botan en falla que os homes pedisen máis permisos para levar ao neno ao pediatra e que organizar o fogar segue a ser unha tarefa feminina. 

Houbo quen considerou oportuno comentar nas redes sociais que probasen a ir ao mar ou que se atrevesen a baixar á mina. Outros dicían que todo lles parecía delirante e había quen expuña que sendo home tampouco puidera ter fillos polo seu traballo. En realidade, os datos din que o 78% das excedencias para o coidado de familiares solicítanas mulleres e que no 95% dos casos son tamén elas as que reducen a súa xornada laboral para atender a fillos e fillas. Hai que dicilo moito máis: para ser tratados en igualdade, eles teñen que renunciar. 

As queixas e laios de quen se resiste a perder os seus privilexios teñen un aquel de humor trátese do tema que se trate, xa sexa conciliación ou dereitos sexuais. Señores lamentándose de que as nais dos seus fillos lles esixan a súa parte, vítimas do holocausto feminazi lavando os seus propios calzóns, mozos que padecen a case castración que supón que unha rapaza non sexa carne á súa disposición, bágoas pola fin do romanticismo e as vellas estratexias de sedución, réquiems polo sentido do humor de quen se ri dos asasinatos machistas e da opresión da metade da poboación. Chega o 8-M e hai quen ladra, porque cabalgamos.

Comentarios