Blog

Que foi o que pasou? / A miña heroína

Que foi o que pasou?

Non sabía o que estaba a pasar. Xa ía un bo anaco que espertara e en ningún momento aquel lugar se iluminara. Non sabía exactamente o que era aquela estancia, pois todo era escuridade. O único que si sabía era que non estaba só. Cada vez que me movía ou tentaba articular algunha palabra recibía un golpe nalgunha parte do corpo.

Notaba o corpo pesado, era como se levase vinte ou trinta quilos máis enriba. Tiña unha estraña sensación por dentro. Empezaba a sospeitar que era vítima dun secuestro. Cando espertei, estaba moi aparvado e non lembraba nada. Non sabía que facer cando, de súpeto, un berro me sobresaltou. Era un son claramente humano e, ademais, non parecía vir de moi lonxe de onde eu me atopaba. Un arrefrío percorreu o meu corpo. Aproveitando aquela distracción, levanteime con dificultade e, intentando non facer ruído, decidín fuxir de alí. Os meus pasos soaban estrepitosamente contra o chan, pero non eran só os meus, escoitei outros pasos detrás de min. Coas mans tocando a parede, intentei avanzar o máis rápido que podía, ata que caín.

Espertei de novo na escuridade. Aquel sitio apestaba. Notaba unha dor intensa na testa e un zunido constante no oído. Botei a man a cabeza e... aquilo cheiraba a sangue. Non só cheiraba, senón que era sangue. Todo o que había naquel lugar eran corredores interminables de pedra fría e desgastada, como xa puidera comprobar. Todo levaba á nada e a nada levaba ao todo. Tiña sede, pero naquel lugar só existía o baleiro.

Non sei cando foi, pois perdera a noción dos días, pero, percorrendo un dos interminables corredores, vin un raio de sol. Sacando forzas de non sei de onde, botei a correr. Despois de tanto tempo, estaba bañado por unha luminosidade que xa non recordaba.

Lucas Camiño Costoya

CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela)



A miña heroína

Eu paso o maior tempo posible con ela. Chámase Valentina. Ela é una persoa fantástica e, para min, é perfecta. É mimosa, os seus abrazos son o mellor do mundo e tamén é moi xenerosa. É coma unha boneca: os seus ollos son azuis; o pelo, louro; a pel, clariña e suaviña. Os seus pais, chamados Gonzalo e Isabela, tamén son xente estupenda.

Cando queda durmidiña, sempre a miro cun sorriso de felicidade que me chega de orella a orella.

Antonte rifou coa súa amiga da alma e estaba triste, esvaráballe unha bágoa pola meixela. Meu anxiño! Que peniña me dá.

Sempre estou atento ao reloxo porque teño que estar preparado para cando ela volva onda min. Gustaríame pasar máis tempo con ela, pero, claro, está no 4.º curso de primaria e ten moito que estudar. Eu compréndoo.

Onte, Blas, o peludo de catro patas, fixo unha aduanada: baboume todo mentras ela lle dicía:

"Blas, fuxe, pasa para fóra!"

É a miña heroína, menos mal que ela estaba aí para salvarme.

O que máis feliz me pon é cando vén correndo onda min e me di:

–Quen é o meu peluche favorito, eh? Es tiiiiiii! Es o meu boneco preferido e esta casa non sería o mesmo sen ti!

Nese momento é cando me da unha aperta. Eu tampouco sabería vivir sen ela. A verdade é que tampouco sabería vivir sen Blas e, por suposto, sen Gonzalo e Isabela.

Por certo, non me presentei. Chámome Pipo e son un coello de peluche moi feliz.

Valeria Caramés Pin

CEIP Nantes (Sanxenxo)

Comentarios