Blog

Un gran cambio / Así é a miña vida

Un gran cambio
Nacín no campo; nótaseme ben. Gústame ver a alba e o solpor. Gústame o ruído das fervenzas, xa que van ao compás dos paxaros. Gústame a calor do sol e o frescor do orballo... A historia que vos quero contar comeza un día ao finalizar o verán, acórdome ben. Sorprendentemente dixéronme que ía á cidade. Foi tan de súpeto que non me puiden despedir de ninguén, aínda que me pareceu unha idea xenial! Ai, que equivocada estaba!

Sentíame nerviosa, ilusionada, con cóxegas na barriga. A viaxe foi longa. Nunca pensei que a cidade estivese tan lonxe. A miña sorte foi que ían moitos compañeiros e ademais fixen novos amigos no camiño. Todos levabamos as mesmas ilusións: unha nova vida, novas experiencias... Ai, que equivocados estabamos!

Ao chegar á cidade, comecei a sentir morriña. Xa non oía o canto dos paxaros, xa non ulía a herba fresca... Ía dun lado para outro sen saber onde remataría. Non estaba soa, os meus compañeiros estaban ao meu lado pero sentían o mesmo ca min.

Cando cheguei a esta casa falaban do partido de hoxe á noite: Celta contra Barça. Pensei que me gustaría velo, sen saber cal era o meu futuro. Non chegaría alá! Estou aquí, dando voltas no microondas. A ver cando me converto nun floco de millo.

Nuria Costas Misa
Ceip de Fontes-Baíña (Baiona)



Así é a miña vida

Era un día tranquilo, estaba na tenda. Chegou e fun con ela para a súa casa. O camiño era longo e aburríame; mentres, miraba a paisaxe. Cando chegamos xa era de noite, así que a durmir. Pero non durmín, non puiden.

Ao día seguinte agarráronme e leváronme dun lado para outro: do traballo ás tendas, logo á cafetaría, máis tarde á casa duns amigos e, por último, de volta para a casa. Ás once esperto, ás oito esperto… Non durmín nada. "Hoxe quedamos na casa", escoitei. Alí metido, sen nada que facer nin poder moverme... Que aburrido! Xa nin sabía que hora era, non vía a luz do sol, só escuridade.

Por fin me sacaron de alí. Pero só foi para lavarme; logo, outra vez para a escuridade. É de día, vexo un pouco de luz por aquel recuncho… Neses intres agarráronme, sacáronme e leváronme a unha estraña casa cunha cruz por riba. Nuncaestivera nun lugar así. O que me pareceu moi raro foi que había unha rapaza cun vestido branco… Comprendino todo cando un home que estaba sentado ao meu lado dixo:
 –Que voda tan bonita!

Ao acabar a voda, fomos para a casa, encerráronme na escuridade e non me sacaron. Asusteime porque, polo que calculara, levaba alí dous días. Séguenme sen sacar, pasaron xa dous meses desde a última vez que vin a luz.

Así é a vida dun sombreiro: cando queren, sácante do armario e non te deixan en paz, e outras veces gárdante e non te sacan aínda que pase un ano.

Katia Alén Pérez
Ceip Cruz-Budiño (O Porriño)


Comentarios