Blog

Unha gran batalla / A goma e o lapis

Unha gran batalla
Comeza a batalla, os soldados están nos seus postos; tras eles van os da cabalaría, e os arqueiros ao fondo, desde o seu feudo, no alto das torres. A raíña e o rei, preparados, divisan as súas tropas. O campo de batalla foi acordado entre os reis contrincantes; é un campo de batalla liso e con herba que se supón que pronto vai estar tinguida do sangue vermello das tropas de ámbolos contrincantes.

O rei dá a primeira orde:
–Que se dividan os soldados e ataquen por todas as frontes.
E, espada na man, cumpren as súas ordes. Aínda ben non rematan de matarse entre eles, entran na batalla os arqueiros, que se dividen en dous grupos e comezan a disparar as súas frechas. De seguido o campo comeza a deixar de verse verde coma antes para comezar a tinguirse de vermello.

O rei rival dá orde á cabalaría de que rodeen os arqueiros e rematen con ese masacre. Acompañados dos seus propios arqueiros forman unha fronte unida e encamíñanse cara ás murallas, onde están o rei e a raíña, que comezan a tremer de medo alí, nas súas torres. Pero aínda lles queda unha sorpresiña: a cabalaría, para facer unha defensa forte e impedirlles chegar ás súas torres.

Cando se ven xa acurralados, fan saír á batalla á súa cabalaría, pero, cos poucos arqueiros e a cabalaría que lle quedaba ao rival, arrasan con esa cabalaría sorpresa que lles quedaba. Non lles dá tempo ao rei e a raíña de renderse cando se escoita dicir...
–Papá, sentíndoo moito... xaque mate! Desta vez gañei a partida, e foi moi emocionante. 

Mª Candelaria Panadero Dios
Ceip Torre Illa (Illa de Arousa)



A goma e o lapis
Había unha vez un estoxo que contiña un lapis gris, unha goma laranxa, unha regra amarela e unha cor amarela. O lapis quería a regra e a goma quería o lapis. A cor retou a regra a que bicara o lapis, pero ela non quería, xa que era gris e tiña puntos negros, pero ao final aceptou. Antes de bicar o lapis, ordenou ao estoxo que botara a goma.

A regra ía darlle o bico ao lapis, pero este decatouse de que non estaba a goma. Entón preguntoulle a todos, pero ninguén sabía onde estaba. Así que emprendeu unha busca. Loitou contra bolígrafos, humanos…, ata chegar ao castelo Corlapis, onde viu a pobre goma secuestrada. Loitou contra o exército do rei Plastilina. A goma quería aínda moito máis o lapis.

Cando foi liberar a goma, algo o detivo, deu a volta e viu a regra agarrándoo. Resulta que o rei Plastilina era o pai da regra, e xa sabedes o que din: «De tal pau, tal racha». Así que o lapis se enfadou e, dunha volta, desprendeuse, colleu a goma e saíron por unha ventá de chocolate.

Un ano despois casaron, tiveron fillos, netos e bisnetos. Finalmente a goma morreu antes que o lapis, pero os seus fillos, netos e bisnetos sempre recordarán e contarán a súa historia.
Que curtametraxe tan boa que vin! 

Rebeca Álvarez Lorenzo
Ceip Antonio Palacios (O Porriño)

Comentarios