sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

A posverdade somos nós

Alberto Dafonte Gómez
É profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad de Vigo, coordina DIXITAIS e está especializado en comunicación viral.
ILUSTRACIÓN E AUTOR: “Hasta la victoria siempre”. Emmanuel Joven.
“Hasta la victoria siempre”. EMMANUEL JOVEN
“Hasta la victoria siempre”. EMMANUEL JOVEN

HAI UNS días entrevistáronme en calidade de experto en comunicación en redes sociais co gallo das vindeiras eleccións autonómicas en Galicia. Como non podía ser doutro xeito nos tempos que vivimos, ao falar de política e redes saiu o tema da desinformación e pensei que sería boa idea aproveitar este espazo que nos brindan para tratar de clarificar algúns conceptos.

En 2017 o dicionario Collins seleccionou o termo fake news como palabra do ano, definida como “información falsa, con frecuencia sensacionalista difundida baixo o aspecto dunha nova”. A escolla cadraba coa toma de posesión de Donald Trump coma presidente dos EUA e, desde logo, a coincidencia de ambos feitos no mesmo ano non foi casual. Se ben a difusión de novas falsas é unha técnica propagandística clásica, a omnipresencia actual do termo fai que sexa máis relevante ca nunca a nivel académico e social e que, nos últimos anos, se lle estea dando un uso indiscriminado que, en ocasións, desvirtúa o concepto e fai que denominemos fake news a un conxunto máis amplo e variado de prácticas desinformativas.

O informe A multi-dimensional approach to disinformation. Report of the High Level Group on fake news and online disinformation publicado pola Comisión Europea en 2018 recomenda usar o termo “desinformación” en lugar de fake news e define a desinformación como: “información falsa, inexacta ou enganosa deseñada, presentada e promovida para causar intencionalmente dano público ou con fins de lucro”. Este intento de precisar a terminoloxía responde, principalmente, á necesidade de evitar o uso reducionista do termo fake news cando se quere falar de contidos que mesturan datos reais e falsidades, e redes de difusión que inclúen contas automatizadas, seguidores falsos ou actos organizados de acoso nas redes.Un dos aspectos clave do fenómeno das noticias falsas e da desinformación é o papel que xogamos os usuarios reais das redes sociais na súa difusión, en ocasións pola omisión de comprobacións sobre o contido que se comparte, pero noutras, por un interese deliberado en difundir contidos que apoien os nosos propios postulados ou prexuízos ideolóxicos independentemente da súa veracidade. Este fenómeno, que vén a completar o círculo da desinformación, é unha mostra clara doutro concepto de moda que, sen embargo, adoita ser empregado de xeito aínda máis impreciso que o de fake news: o da posverdade. A pesar de que en moitas ocasións escoitaremos empregar ambos case coma sinónimos e de que incluso algúns dicionarios poidan reforzar esta idea, é importante que a cidadanía cargue coa súa parte de responsabilidade. A posverdade é a situación na que os feitos obxectivos e probados teñen menos valor para a opinión pública que as apelacións ás emocións e ás crenzas e prexuízos persoais, o que significa que, se ben por un lado hai intoxicadores que espallan desinformación, polo outro hai persoas que a reciben con agrado porque lles di o que queren escoitar e a difunden sen a menor análise crítica ou, o que é peor, sabendo que son contidos falsos. 

Así pois, a posverdade sitúase no lado do que recibe as novas e ten que ver cun comportamento máis ou menos consciente dos receptores con respecto aos contidos que lles chegan. Por todo o dito, é preciso loitar contra os creadores e promotores da desinformación que nos asalta e trata de manipular a cada paso pero non é menos importante asumir a nosa parte de responsabilidade neste ecosistema desinformativo e actuar en consecuencia.

A posverdade somos nós
Comentarios