miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

Big data no audiovisual: unha relación baseada na confianza

Silvia García-Mirón 
Investigadora e docente do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo. Imparte materias relacionadas coa programación e promoción do sector audiovisual. 

IMAXE: Sara Villamor

Correo electrónico. Probar agora. Selecciono plan: Premium. Continuar. Crear conta. Engadir contrasinal. Configurar a información de pago: A. Tarxeta de débito ou crédito; B. Paypal; C. Código regalo. Non tiven agasallo así que decido entre A e B. Máis seguro é sempre a B. Escribo o meu usuario e o meu contrasinal de Paypal. Aceptado. Iniciar subscrición e... Benvida! Pero seguimos. Opción de recuperar contrasinal: indicar o número de teléfono. E, por que non? Acepto o envío de mensaxes coas novidades da plataforma. Continuar. E agora? Que dispositivos empregarás para ver contido? Smart TV: si. Teléfono ou tablet: si. Ordenador: si. Playstation: si... Quen empregará o servizo? Perfecto: nomes das persoas da miña familia. Feito! Nenos nese listado? Indicado tamén. Continuamos. Anda, que xa quere saber que me gusta! Só 3? Ben, podo facelo. Breaking bad. Ozark. Stranger Things. Personalizando. Listo! A desfrutar! 

Pero... iso é todo o que Netflix sabe de min? A verdade é que non. Con esta información, aceptando as súas recomendacións e unha vez que accedo ao contido, tamén lle digo a miña dirección IP, desde que dispositivo me conecto cada vez (e quen o fai) e a partires de aí, vaise engrosando o meu historial de consumo e do resto de usuarios da conta: o que vexo, pero tamén o que non vexo; en que día e a que hora; canto consumo, etc. O meu comportamento xenera unha relación de ceros e uns infinita. 

Big Data (datos a gran escala ou intelixencia de datos). Quizais a algúns lles resulta alleo, lonxano aínda, como de ciencia ficción, pero o certo é que está máis preto de nos do que pensamos e emprégase por parte de empresas, organizacións públicas e outro tipo de institucións para coñecer máis de nos e do noso comportamento. En ocasións, cunha finalidade de interese público e de mellora da nosa saúde; e noutras, cun obxectivo máis publicitario ou comercial (turismo, retail, industria). Mapas de calor en interiores das tendas de roupa para coñecer as zonas máis visitadas; dispositivos weareables como smart watches que permiten un control de datos relacionados coa nosa saúde; automóbiles con cámaras, GPS e conexión a internet para facilitar a condución e evitar tramos con enfrascamentos; é dicir, facer que as máquinas consigan ter capacidade de decisión. E tamén se emprega no mercado audiovisual, principalmente en forma de algoritmos de recomendacións coa finalidade de fidelizar á audiencia e evitar perdas millonarias. A análise de Big Data permite coñecer mellor os gustos da audiencia e así tomar decisións concretas no proceso de creación, produción e recomendación de contido. Deste xeito, Netflix (así coma o resto de plataformas OTT, over-the-top) creará e apostará na compra de contidos por aqueles que máis interesan aos seus subscritores, público xeneralista neste caso: amplo e diversificado (non, Netflix non busca un nicho, Netflix vai a por todas, e a por todos) e, deste xeito, é máis probable que non remate fracasando (os resultados do último trimestre de 2019 sinalaban que a plataforma tiña 167 millóns de clientes en todo o mundo e continúa crecendo progresivamente). 

O certo é que o audiovisual é un dos sectores nos que de forma desinteresada ofrecemos unha gran cantidade de datos persoais e no que os fogares xeran máis información. Temos pasado de 500 Kb de datos por fogar ao mes na televisión familiar tradicional a 5 Tb na televisión personalizada actual, e prevese chegar ata 500 Tb na televisión inmersiva. Pero, somos conscientes de que nos temos convertido en moeda de cambio? De que gratuitamente estamos facilitando, regalando información “de calidade” para outros? Quizais si ou quizais non nos importa si isto é así, mentres facilite e mellore o noso día a día e resulte máis cómodo o momento de elixir o contido entre a ampla oferta que aparece na nosa pantalla de televisión. 

Hard data (e-mail, teléfono, profesión, idade) e soft data (comportamento, actividade, intereses). Facilitamos estes datos e mesmo chegamos a facelos públicos cando noutro contexto, nunha conversación na rúa, nunha chamada telefónica, desconfiaríamos á primeira de cambio. Pero a miña plataforma de consumo de contidos online semella que só busca o mellor para min, para ofrecerme o entretemento que me interesa, as películas coas que me emociono, as series coas que me río, os docurealities cos que desconecto. Parécenos ben. E si, regalamos a nosa información persoal baseándonos nunha inventada relación de confianza. 

Big data no audiovisual: unha relación baseada na confianza
Comentarios