viernes. 30.10.2020 |
El tiempo
viernes. 30.10.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

Desdixital

Alberto Dafonte Gómez
É profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad de Vigo, coordina DIXITAIS e está especializado en comunicación viral.
ILUSTRACIÓN: Foto de Andriyko Podilnyk en Unsplash.

No mes de febreiro, os membros do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS da Universidade de Vigo comezamos a publicar no Diario de Pontevedra unha serie de textos divulgativos sobre distintos aspectos da competencia dixital, ese conxunto de coñecementos e habilidades referidos á capacidade dos individuos para buscar, seleccionar e interpretar información en contornas dixitais; usar tecnoloxías para interactuar, compartir contidos e colaborar; xestionar a identidade dixital seguindo a netiqueta; programar, crear e mesturar contidos dixitais respectando as distintas licenzas de propiedade intelectual; protexer de maneira eficaz os datos persoais e os dispositivos ante terceiros, resolver problemas técnicos, usar as tecnoloxía de forma creativa e ser capaz de identificar carencias competenciais nese campo.

Neste tempo abordamos, efectivamente, o funcionamento das redes sociais, a netiqueta, a privacidade, a exposición dos nosos datos, os novos consumos audiovisuais na rede ou a desinformación, entre outros temas. Cada artigo achegou un novo anaco da realidade dixital que nos rodea para que vostedes puidesen ir conformando unha visión máis rica dese mundo que nos envolve e nos afecta sen que, en moitos casos, sexamos conscientes.

O tema está moi lonxe de esgotarse pero nós precisamos un chisco de desconexión e desintoxicación dixital, dous conceptos –relacionados no fondo– que falan de como as tecnoloxías que facilitan a nosa comunicación diaria poden chegar a escravizarnos.

A irrupción dun teletraballo escasamente planificado –na maioría dos casos– durante o confinamento volveu pór sobre a mesa a cuestión (que non é nova) do dereito á desconexión dixital; isto é: o dereito que ten unha persoa de gozar do seu descanso (tempo fóra do horario laboral ou vacacións) sen que empresa ou clientes o asedien a través do correo electrónico, chamadas telefónicas ou ferramentas de mensaxería instantánea, simplemente porque pode facerse, porque levamos o móbil sempre enriba e porque ver esa mensaxe e responder é unha tentación moi grande. O resultado, tanto se son as circunstancias laborais as que obrigan, como se é a personalidade do individuo a que cede, é que no noso tempo de lecer non desconectamos e contaminamos con preocupacións do traballo as horas que deberían dedicarse de forma íntegra á nosa familia, ás amizades e ao benestar propio en xeral.

O outro concepto do que deben tomar nota é do de desintoxicación dixital. Sentiron algunha vez unha certa ansiedade ao non poder usar o móbil durante un espazo curto tempo? Ao esquecelo na casa, por exemplo? Ao non usalo durante toda a hora do xantar? Ao non facer correr o feed de Instagram cada 5 minutos cun áxil movemento de polgar? Se é así, poida que padezan de FOMO (Fear Of Missing Out): o medo a perder algo do publicado nas redes, a non estar ao tanto, a chegar tarde á última tendencia ridícula, á última nova sobre Trump, a ser o último en darlle un gústame á enésima foto dunhas pernas ao sol na praia (de quen eran esas pernas?), a perder un meme no grupo WhatsApp de primos de pais que levan aos fillos a entrenar á chave… Se sentiron algunha vez esa separación do seu teléfono móbil coma unha amputación é que precisan desintoxicarse: ser realmente conscientes do tempo que pasan mirando a pantalla, deshabilitar ou silenciar algunhas notificacións, establecer lugares ou momentos sen móbil e comprobar que, non só non pasa nada malo por iso, senón que poden dedicar toda esa atención liberada a outra tarefas.

Chegados a este punto, despois dun curso especialmente esixente, cheo de pantallas, aplicacións e videoconferencias, nós precisamos tamén comezar a desconectar e desintoxicar –moi pouco a pouco e na medida das nosas posibilidades– para que setembro nos colla coa mente despexada. 

Non podemos abandonar completamente a vida dixital porque existe e aféctanos aínda que non queiramos participar dela pero podemos, de cando en cando, dar un pasiño atrás para coller perspectiva, observala con novos ollos e reflexionar sobre ela para vostedes.

Alberto Dafonte é profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo, coordina DIXITAIS e está especializado en comunicación viral.

Desdixital
Comentarios