Blog

Falando de saúde na rede

María Isabel Míguez
É profesora titular do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad de Vigo e coordinadora do grupo SEPCOM, de investigación en comunicación para o servizo público.
Vidadixital

Por non falar só do coronavirus, imaxinemos que lle diagnostican a unha amiga un cancro de mama. Como isto nos xera certa inquedanza, entramos en Internet a ver que atopamos sobre o tema; gústanos máis o formato audiovisual que a lectura de textos longos e aburridos, así que accedemos a YouTube e buscando “cancro de mama” damos cunha morea de vídeos.

Só uns poucos dos que saen nas primeiras páxinas de busca serán de emisores especializados como centros médicos ou servizos sanitarios. O resto son de canles de saúde e benestar, que o mesmo falan de cancro que de técnicas de beleza; canles xerais que abordan desde temas de saúde a cuestións políticas; youtubers que contan as súas experiencias... Moitos van ser vídeos informativos, que ofrecen datos sobre síntomas, detección precoz ou tratamentos, pero tamén imos atopar vídeos testemuñais ou publicitarios.

A metade conterá información fiable sobre a doenza. Unha cuarta parte, aínda que non ofreza datos enganosos, non nos aclarará ningunha dúbida. E a outra cuarta parte dos vídeos ofrecerá información falsa, mal explicada ou que pode inducir a erro.

Tendemos a pensar que sabemos diferenciar os vídeos fiables dos que non o son. Pero o certo é que, no caso do cancro de mama particularmente, os vídeos de youtubers teñen moitas máis visualizacións que os de emisores especializados. E os vídeos informativos teñen moita menos repercusión que os testemuñais. E os vídeos fiables, aínda que son máis, vense menos e xeran menos likes e menos comentarios que os que conteñen informacións falsas ou confusas.

Isto é o que ocorre co cancro de mama en YouTube, segundo o estudo realizado por Míguez, García e Ramahí (2019). Pero diferentes investigacións internacionais detectan as mesmas tendencias en relación con outras enfermidades e outros soportes (páxinas web, blogues, Facebook, Twitter...): os usuarios acaban consumindo en maior medida contidos que poden levalos a conclusións equivocadas e poden chegar a poñer en risco a súa saúde.

¿Que podemos facer para evitar estes contidos non fiables?

En primeiro lugar, confiemos máis no doutor Martín que no doutor Google. Un mesmo síntoma pode ser indicio de múltiples doenzas; os profesionais sanitarios son os únicos que nos poden ofrecer un diagnóstico fiable e información precisa sobre unha enfermidade.

En segundo lugar, limitemos as nosas procuras online sobre saúde a páxinas web ou perfís en redes sociais de emisores especializados e contrastados, como hospitais, centros médicos ou institucións públicas sanitarias. As canles de saúde, benestar ou beleza, así como a maioría dos blogueiros e youtubers, non son emisores especializados: calquera persoa pode escribir sobre calquera tema nunha web ou rede social, sen ter ningún tipo de coñecemento.

E por último, ignoremos as solucións milagre ou os remedios que lle funcionaron a outros. Adoptar tratamentos non contrastados non só pode ser ineficaz, senón tamén perigoso. Porque moitos seguidores ou moitos likes non substitúen anos de investigación médica e farmacéutica.

Comentarios