Blog

O outro currículo

María Isabel Míguez​
Profesora titular na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Universidade de Vigo). Coordinadora do grupo SEPCOM, de investigación en comunicación para o servizo público.
Publicación O outro currículo

Antón e Xurxo remataron hai un par de meses o seu Grao en Ciencias Económicas e coñecéronse cursando un máster que lles vai abrir moitas portas no ámbito profesional. Seguindo os consellos dos seus docentes, deciden enviar currículos a tódalas entidades bancarias, coa esperanza de entrar en diversos procesos de selección.

Pasadas unhas semanas, Xurxo, que participou xa en tres procesos, está convocado nun deles para a entrevista da fase final. A Antón non o chamaron de ningunha parte e fáiselle raro, porque o seu currículo non é peor que o de Xurxo. Uns días máis tarde, Xurxo consegue o seu primeiro traballo. Antón segue agardando e quéixase da súa mala sorte.

Xurxo ofrécese a axudalo e xuntos repasan o currículo que Antón enviou ás empresas: inclúe numerosos cursos, actividades de representación estudiantil, prácticas preprofesionais...; está ben organizado, presentado e redactado.

Xurxo suxire, entón, revisar o outro currículo de Antón. Desde o seu móbil busca ao seu amigo en Internet e axiña atopa as súas contas en redes sociais. No perfil de Antón en Instagram, Xurxo atopa unha morea de publicacións sobre as festas nas que Antón adoitaba participar os sábados pola noite cos seus colegas, antes disto do coronavirus, coas súas correspondentes fotografías de vividor e bebedor e os seus posts de resaca dos domingos. Antón di que o de Instagram é un perfil pensado para os seus amigos (aínda que o poida ver calquera), que a súa vida privada é súa e vívea como quere (aínda que a expoña á opinión de calquera), e que as cuestións sociais, políticas e económicas as deixa para Twitter. Así que en Twitter é onde Xurxo pode comprobar que o seu colega de máster parece ser un fervente anticapitalista, hater habitual do tecido financeiro do país e asiduo participante das tertulias e disputas varias que se suscitan na plataforma de microblogging.

Ás veces esquecemos que as redes sociais non son coma a barra dun bar, onde o trapo do taberneiro, ademais de arrastrar migallas de pan e carabuñas de oliva, leva consigo as palabras ditas, as opinións, as esaxeracións, os exabruptos e incluso os cambios de parecer. As redes teñen memoria; son unha hemeroteca infalible que non permite matizar ou suavizar o pasado, aínda que o esquecemento sexa preciso ás veces para avanzar cara o futuro. E tamén son un escaparate no que o espectador, incluído o posible empregador, pode xulgar baixo os seus propios criterios a identidade construída polos individuos que as empregan, sexa ésta máis ou menos fiel á realidade.

Se estás buscando emprego, non esquezas revisar o teu outro currículo, porque se ben todos temos dereito a manifestar publicamente o que nos pareza, os demais teñen dereito a xulgarnos como consideren oportuno en función desas manifestacións, con tódalas consecuencias.

Comentarios