viernes. 30.10.2020 |
El tiempo
viernes. 30.10.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

Pode un reloxo informarnos da nosa saúde?

Javier Abuín Penas
É investigador no grupo de Investigación en Comunicación para o Servizo Público (SEPCOM) e no grupo de Innovación Docente DIXITAIS da Universidade de Vigo.
IMAXE: Mohamed Hassan en Pixabay.

A mediados de abril a profesora María Isabel Míguez escribía nesta sección sobre a pouca fiabilidade que pode ter a información de saúde na rede. Este artigo tamén trata sobre a saúde e o mundo dixital no que nos atopamos, pero desde un enfoque diferente.

A velocidade á que avanzan as evolucións tecnolóxicas fai que unha morea de ámbitos se vexan afectados por estas innovacións, o sector da saúde é un deles. O uso masivo de aplicacións móbiles enfocadas a previr enfermidades, informar sobre o noso estado de forma ou calidade de vida poden cambiar o xeito no que se accede, se comunica ou se xestiona a información sanitaria.

As apps de saúde, os medidores de actividade, os reloxos ou as pulseiras intelixentes, teñen aínda un longo camiño por percorrer. Polo de agora non é sinxelo estimar a efectividade e precisión dos datos que mostran pero, aínda así, a información que ofrecen aos seus usuarios arrástranos a seguir comportamentos máis saudables. Estes dispositivos de auto-monitoreo producen diversos beneficios no estado de saúde da poboación, tal e como suxire un informe sobre as tendencias no uso destes dispositivos elaborado polo Global Web Index no 2019. Un dos datos máis interesantes observados no estudo indica que que un 81% dos usuarios con reloxos ou pulseiras intelixentes melloran o seu estilo de vida, á par que aumenta a súa saúde.  

Outra mostra da relación que pode haber entre a saúde e as novas tecnoloxías é a incorporación dunha ferramenta de saúde preventiva por parte de Facebook. A terceira páxina web máis visitada de España, segundo SimilarWeb, e só superada por Google (da que falaba no meu anterior artigo: Pon límites ao que Google sabe de ti) e YouTube, puxo a disposición dos seus usuarios en Estados Unidos unha ferramenta de saúde preventiva que pretende ofrecer información e recordatorios sobre revisións médicas, ademais de outro tipo de recursos para previr enfermidades. Deste xeito, unha das empresas tecnolóxicas máis grandes do mundo entrelaza de maneira directa e masiva o mundo da tecnoloxía e a saúde.

Por outra banda, tamén hai que ver algún dos aspectos negativos que pode traer o uso destes dispositivos ou aplicacións. É evidente que as persoas de idades avanzadas se enfrontan a unha barreira tecnolóxica que limita ou dificulta o seu uso dun xeito importante. No apartado das contras tampouco se poden obviar os riscos que se corren ao subir á rede toda esta información relacionada coa saúde persoal. Aínda que a maioría das aplicacións e dispositivos de saúde afirman que os datos só están dispoñibles para os propios usuarios, o certo é que a nosa privacidade se poder ver afectada e, a información deste tipo, pode ser moi sensible. 

En resumo, tanto apps de saúde coma dispositivos medidores da actividade diaria poden ser ferramentas con gran potencial para levar un estilo de vida saudable e, inclusive, no seguimento de pacientes con determinados problemas de saúde. De tódolos xeitos hai que ser precavidos á hora de compartir esta información e, no canto de tomar decisións propias, é recomendable que estas sexan supervisadas sempre por persoal sanitario cualificado.

Pode un reloxo informarnos da nosa saúde?