miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

Pon límites ao que Google sabe de ti

Javier Abuín Penas
É investigador no grupo de Investigación en Comunicación para o Servizo Público (SEPCOM) e no grupo de Innovación Docente DIXITAIS da Universidade de Vigo.

IMAXE: Alba Chaves

Desde que Internet chegou ás nosas vidas acostumamos a compartir moreas de datos con empresas como Facebook, Apple, Microsoft ou Google. Utilizamos estes servizos sen pagar nada de diñeiro a cambio de boa parte da nosa privacidade. Estas primeiras liñas non son nada novo, xa falamos deste modelo de negocio no primeiro artigo desta serie Vida Dixital. Agora gustaríame axudarche a comprender como se recolle a nosa información e así ser consciente de todo o que saben sobre ti.

O primeiro punto é clave, somos nós mesmos quen voluntariamente ofrecemos a nosa información ao facer uso dos seus produtos e servizos. Párate a pensar nos dispositivos dixitais que tes na túa casa: ordenadores, teléfonos móbiles, reloxos intelixentes, aspiradores intelixentes… Todos estes aparellos á súa vez teñen aplicacións que utilizamos de maneira habitual para tarefas do noso día a día e que a través da recolección de datos son capades de coñecer o noso comportamento.

Neste aspecto Google é o rei do mambo, a través de aplicacións que xa temos integradas na nosa rutina, pode coñecernos e saber que, como, cando e onde facemos todo. Sabe o que queremos saber grazas ao seu buscador, os lugares polos que nos movemos grazas a Google Maps, sabe como utilizamos Internet grazas a Google Chrome, sabe que contido audiovisual consumimos grazas Youtube, sabe a nosa axenda grazas a Google Calendar, sabe que e con quen nos escribimos por correo grazas a Gmail, sabe todo o que temos nos nosos teléfonos móbiles grazas a Android e teñen moitas máis aplicacións e dispositivos que usamos diariamente sen ser completamente conscientes.

Chegados a este punto quero indicar que non é preciso alarmarse. Todos temos a posibilidade de limitar ou impedir que Google recolla os nosos datos e para iso hai varias opcións. A máis extrema sería deixar de utilizar calquera dos seus produtos ou servizos, aínda que hoxe por hoxe é algo que se antolla complicado. Outra posibilidade sería o uso de alternativas: navegadores como Brave, buscadores como Swisscows, sistemas operativos baseados en Linux, servicios de correo como Mailfence… Na rede pódense atopar varias alternativas aos servizos de Google.

Estas alternativas mellorarían a nosa privacidade pero, para os que non desexamos deixar de utilizar estes servizos, basta con ser máis conscientes dos datos que compartimos e saber establecer os límites que cada un individualmente considere. Podes consultar as preferencias das aplicacións de Google a través do teu perfil de usuario e comprobar os datos que gardan. Desde este apartado tamén é posible borrar determinada información e limitar ata que punto queremos que se recollan os datos que xeramos.

A miña recomendación sería acceder a esta información a través de Myactivity, unha web ofrecida polo propio Google desde a que podes ver toda a túa actividade en Internet. Aquí poderás eliminar todo o que non desexes que apareza neste perfil. Outra opción interesante é o control de actividades ao que podes acceder desde a túa conta de Google e onde terás a opción de decidir que información permites que recompile e cal non, eliminar datos específicos ou descargar esta información e despois borrala. Como ves é posible controlar, en certa medida, o que compartimos, so se trata de ser conscientes dos datos que estamos dispostos a proporcionar.

Pon límites ao que Google sabe de ti
Comentarios