miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

Quen chequea aos fact-checkers?

Alberto Dafonte
É profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad de Vigo, coordina DIXITAIS e está especializado en comunicación viral.
ILUSTRACIÓN E AUTOR: 'Desierto Mágico Nº 1'. Emmanuel Joven.

Na miña última columna aquí faleilles da desinformación. Era 19 de febreiro e, desde logo, non contaba coa que nos viña enriba, tanto na súa dimensión sanitaria e social como na (des)informativa que, a fin de contas, é do que lles veño falar eu. E é que neste período que estamos a vivir é probable que chegasen a vostedes todo tipo de remedios caseiros contra o COVID-19, novas sobre vacinas listas xa para envasar, ou vídeos tan alarmantes coma o das caixas de material sanitario –tan necesario en España– enviado en camión a Francia e que eran, en realidade, paquetes de folios. Según Maldita.es, medio español especializado en fact-checking, "levamos" 538 bulos sobre COVID-19 cando redacto isto, e sumando. Unha auténtica infodemia.

Como acaban de ler, hai quen se preocupa de levar rexistro da desinformación que circula e –o que é máis importante– de facer as comprobacións pertinentes para determinar se unhas declaracións, un vídeo ou unha aparente nova é verdade ou non: son os fact-checkers, ou verificadores de datos. A verificación de datos en si forma parte da labor xornalística e conta con ampla tradición neste eido, sobre todo, nos EUA. A lóxica desta relación é moi doada de entender: se alguén di que chove e outra persoa di que non, o traballo do xornalista non é contar as dúas versións, é abrir a ventá e comprobalo (que dicía, seica, Jonathan Foster). 

A cuestión é que hoxe en día nin a información nin a desinformación se manifestan só a través dos medios de comunicación clásicos. A desinformación pode ser unha captura de pantalla manipulada ou a declaración dun político que corre coma a pólvora por grupos de WhatsApp e chega a miles de persoas sen necesidade dos medios chamados convencionais e... como paramos iso?

A resposta abrangue moitas frontes pero imos centrarnos na cuestión dos fact-checkers. A medida que a desinformación comeza a ser un problema cada vez maior para a sociedade, xorden iniciativas xornalísticas dedicadas, de xeito específico, á verificación das declaracións de personalidades públicas e de contidos que circulan como certos a través das redes sociais. Algunhas destas iniciativas nacen como seccións dentro de medios de comunicación tradicionais (fundamentalmente xornais) e outras son novas empresas, fundacións ou entidades sociais. A etapa de maior crecemento destas iniciativas rexístrase entre 2014 e 2016 e, según o censo do Duke Reporters’ Lab, son 237 os medios –distribuídos en 80 países– que, a día de hoxe, se presentan dese xeito ante a súa audiencia.

O enorme crecemento destes “vixiantes da verdade” fixo que no 2015 o Poynter Institute – unha prestixiosa institución estadounidense fundada en 1975 coa finalidade de fortalecer o papel do xornalismo na sociedade– crease a International Fact-Checking Network (IFCN), que agrupa ás iniciativas xornalísticas de verificación de datos que cumpran unha serie de principios éticos definidos pola institución e que son os seguintes: 1) non partidismo e equidade na verificación de datos, 2) transparencia das fontes, excepto nos casos en que a seguridade persoal dunha fonte poida verse comprometida, 3) transparencia no financiamento e a organización, 4) claridade na metodoloxía que utilizan para seleccionar, investigar, escribir, editar, publicar e corrixir as súas verificacións, 5) corrección clara e transparente de acordo coa política de correccións, procurando, na medida do posible, que os lectores vexan a versión corrixida.

Calquera medio que teña interese en formar parte da IFCN debe solicitalo e un auditor independente –tanto con respecto ao medio como ao Poynter Institute– encárgase de elaborar un informe sobre o cumprimento ou non dos principios. Os auditores externos son, xeralmente, académicos de recoñecido prestixio na área do xornalismo. No casos  dos membros españois da IFCN –Maldito Bulo (Maldita.es), Newtral e EFE Verifica (socia desde marzo de 2020)–, por exemplo, foi Ramón Salaverría, da Universidade de Navarra, o encargado de elaborar o informe. É destacable tamén que a membresía non é un dereito a perpetuidade: os asinantes do código deben solicitar cada ano seguir sendo membros e someterse de novo a un proceso de avaliación externo. Así pois, cando un medio entra a formar parte da IFCN hai certas garantías de que o traballo de verificación que fai é, en xeral, correcto e honesto. Son 73 en activo e 15 en proceso de renovación.

De todo isto ninguén sabería moito de non ser porque, cando Facebook ou Google comezaron a tomarse en serio o problema da desinformación nas súas plataformas, recurriron, polo seu prestixio, á IFCN como entidade independente para verificar contidos e, polo tanto, a Maldita.es e Newtral no caso español. 

Que fan exactamente? como traballan? Son boas preguntas que quedan para o seguinte artigo.

Quen chequea aos fact-checkers?
Comentarios