sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

Blog divulgativo do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS, da Universidade de Vigo. Falamos de Competencia Dixital para a cidadanía. Coordinado por Alberto Dafonte.

O valor da identidade dixital (profesional) no mundo post-coronavirus

Emma Torres-Romay
É profesora titular do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e imparte a materia de Análise de métricas e avaliación da eficacia en medios dixitais no Máster Universitario en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 
Photo by Austin Distel on Unsplash.

A COVID-19 operou un cambio verdadeiramente profundo na sociedade e que, sen dúbida, é un dos poucos indiscutibles neste contexto. O 14 de marzo de 2020 miles de persoas de tódolos ámbitos profesionais deitámonos sendo analóxicos e despertámonos completamente dixitais. O teletraballo (que non era nin incipiente en España) empezou sendo unha solución provisional a unha situación inesperada, e digna dun telefilme, e acabou converténdose nun modelo de producción do século XXI de carácter estable.

Temos que valorar, polo tanto, que se o traballo se realiza de xeito dixital, o mesmo acontece cos procesos de selección de persoal e, por suposto, cos sistemas de xestión dos recursos humanos. Neste contexto, a identidade dixital dos individuos cobra unha nova dimensión, e a pesares de que temos falado moito de redes sociais vinculadas ao traballo como Linkedin, e da importancia de contar cunha boa identidade dixital nas redes xenéricas (Facebook, Twitter ou Instagram), agora asomámonos a unha confirmación da súa importancia que xenera vertixe. 

O cambio que se produce é que pasamos dunha situación na que o que poñemos nas redes sociais pode ser tido en conta cando optamos a un posto de traballo a que só o que somos no mundo dixital vai ser válido para conseguir un posto de traballo. Xa hai tempo que as habilidades de xestión da identidade dixital son parte da formación dos universitarios en todas as carreiras, instando aos estudantes a contar con perfís profesionais nas redes sociais e incluso ao desenvolvemento de webs ou blogs persoais. Pero é aquí donde xorde a distorsión do proceso que estamos vivindo: somos dixitais por circunstancias alleas á nosa vontade. 

Non estamos preparados para deseñar a nosa carreira profesional en termos de SEM, SEO, engagement e incluso likes, comentarios, interaccións, etc. Sabemos empregar as redes para falar cos amigos, colgar fotos de vacacións e incluso facer vídeos de TikTok con montaxes audiovisuais elaboradas, pero non entendemos as métricas destas vías de comunicación, métricas que, sen embargo, son facilmente analizables mediante aplicacións e programas de baixo custo que están a disposición de calquera empresa, e que poden ser empregados sen demasiados miramentos coa privacidade das persoas. 

O noso elevado nivel de exposición aos medios dixitais foi sempre voluntario. Ninguén nos obrigou a estar nas redes socias e, en principio, todos pensamos que regulamos a privacidade das nosas contas inda que ao mesmo tempo, podemos pensar facilmente en exemplos ou momentos nos que tivemos a sensación de ter perdido o control sobre a información que circulaba sobre nós en internet. Todos temos probado algunha vez a buscar o noso nome en Google e nos temos sorprendido de certos resultados dos que non tiñamos conciencia. 

Qué sucedería se en lugar de Google esta búsqueda sobre nós se realizara en Hootsuite, Social Mention ou Howsociable? Que en lugar de atopar enlaces, imaxes e incluso vídeos, nos indicarían o sentiment (se o que falamos ou falan de nós e positivo ou negativo), o share of voice (o porcentaxe de audiencia que se concentra nos meus espazos dixitais), se conseguimos organic search (os que me atoparon nalgún buscador) ou referral (se chegan a nós dende outros espacios da rede), etc. 

Temos, polo tanto, que pensar se estamos preparados para xestionar a nosa identidade dixital buscando conseguir boas cifras e se estamos dispostos a renunciar a unha parte moi importante da nosa privacidade nese proceso. De feito a todos nos pareceu natural pasar a teletraballar amosando os nosos espacios persoais diante das cámaras de zoom e todo indica que os nosos potenciais empregadores terán visto ás nosas parellas, familia e incluso o noso pixama e que as nosas entrevistas de traballo poden ter como fondo o moble do noso salón. 

Así, non podemos limitarnos a unha boa foto con garavata e a reseña curricular en Linkedin; temos que pensar que a nosa proxección profesional pasou dun resume nun papel a todo un universo dixital no que proxectamos voluntaria e involuntariamente trazos da nosa personalidade, das nosas capacidades e habilidades. Tampouco se trata de seguidores ou likes, senón de aportación de contido, de valor engadido e incluso de entender que a nosa capacidade profesional vai ser xulgada como un conxunto ao que se suma a identidade persoal. Así, a nosa identidade dixital é en realidade, a nosa identidade completa, sen que case poidan marcarse diferencias entre as nosas características profesionais e as persoais. E temos chegado a esto sen darnos conta e sen volta atrás. 

O valor da identidade dixital (profesional) no mundo post-coronavirus
Comentarios