Blog

Vídeo online e consumo responsable

Diana Ramahí García
Investigadora e docente no ámbito da Narrativa Audiovisual na Universidade de Vigo.
Artículo Vídeo online e consumo responsable - Vida dixital

A XENERALIZACIÓN dos dispositivos conectados que permiten ter acceso dende calquera lugar, momento e pantalla, e a proliferación de contidos online e modelos de difusión non lineais que deixan en mans do espectador o ritmo de visionado, teñen provocado cambios substanciais nos patróns de consumo de contido audiovisual.

Xurdiron así hábitos como o binge-watching, termo en inglés para referirse ó costume de darse atracóns de series; ou o compulsive streaming, que pode traducirse como a observación compulsiva de vídeos online. O primeiro asóciase co visionado continuo dun único contido: unha ou varias tempadas dunha serie. No segundo, o material audiovisual que se consume en continuidade e durante un tempo prologado adoita ser, pola contra, diverso.

En ambos procesos o cerebro libera dopamina, que é a substancia química vencellada ó pracer e a motivación. Isto favorece unha recompensa natural e interna en relación con esa actividade e o cerebro envía sensacións positivas ó corpo para que continúe con esa tarefa. Amais a dispoñibilidade inmediata de novos contidos axuda a que ás áreas cerebrais responsables do reforzo se activen e a conducta vólvase repetir.

O feito de que a tecnoloxía permita, ademais, o acceso multipantalla (o visionado alternativo no móbil, a tablet, o ordenador e televisión) e as plataformas estean deseñadas para priorizar e alongar o tempo de reprodución facilita este tipo de consumo.

No caso do vídeo online ofrécense recomendacións personalizadas baseadas no historial e nas interaccións do usuario e unha función de reprodución automática que se activa de forma predeterminada. Así, salvo que o espectador a desactive voluntariamente ou realice algunha actividade na páxina (comentar, buscar, cancelar) cando termina un vídeo aparece unha conta regresiva e o nome do vídeo que pasará a reproducirse a continuación automáticamente.

No relativo ás series tamén se recorre a un sistema de recomendacións e ó encadeado automático de episodios. Ademais ofrécese a posibilidade de saltar os créditos de entrada e saída, elimínanse os recordatorios de antigos capítulos e desenvólvense máis as tramas de xeito horizontal, xa que este hábito reduce o esforzo que implica o recordo semanal. As estratexias de márketing reforzan, do mesmo xeito, este patrón, facendo coincidir os grandes lanzamentos co inicio da fin de semana.

Informes e estudos teñen suxerido que o impacto destas prácticas sobre a saúde física e mental é inmediato e prexudicial. Así, se ben a dopamina é de gran utilidade para o organismo, a exposición continuada do cerebro a conductas que estimulan a súa produción coma estes novos patróns de consumo pode xerar dependencia, insomnio, depresión ou enfermidades psicosociais; efectos que é preciso ter en conta antes de iniciar un maratón de series ou deixar que o seguinte vídeo se reproduza.

Comentarios