lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

A parábola do solar

José María García dando cobertura en primeira persoa a un evento deportivo durante o século XX. ADP
José María García dando cobertura en primeira persoa a un evento deportivo durante o século XX. ADP

SONOU O sinal das doce e un silencio invadiu a miña habitación. Leves chafalladas mesturadas coa respiración dunha persoa revelaban que había vida ao outro lado do aparello de radio. Pasaron uns segundos e, de súpeto, unha voz arrancou pausada, marcando os tempos.

"Lo dije y lo repetí", espetou antes de frear durante un eterno segundo. Na radio un segundo de silencio é como un océano. "Lorenzo Sanz va a dejar el Real Madrid como un solar". Co novo segundo de silencio chegou a miña emoción. José María García estaba a piques de relatar a parábola do solar. "Pues bien, me equivoqué. Se llevó hasta el solar".

José María García lanzaba un ataque furibundo contra o expresidente do Real Madrid, para demostrar o seu poder, para recrearse no dano contra alguén que intentara botarlle un pulso, pero tamén para anunciar novos ataques furibundos cara outro destinatario. "Florentino Pérez es bastante más peligroso, porque es mucho menos tonto".

José María sentenciaba, tiña os xenitais do tamaño dun portaavións, era un animal radiofónico que cambiou a historia do xornalismo deportivo, admirado e seguido por unha gran parte da audiencia de España, odiado polos seus rivais e por moitos dos deportistas, dirixentes, adestradores, árbitros e famosos cos que tratou, por algúns dos seus propios traballadores e, sobre todo, odiado por José Ramón de la Morena.

Agora que a serie Los Reyes de la Noche saíu á palestra para representar de algún xeito a guerra entre García e De la Morena, é conveniente poñer de relevo cales son as características de ambos líderes das ondas. Do anecdotario resólvese que García era un tirano despótico ilustrado e De la Morena un despótico sen máis, rodeado polo mellor equipo, e que atrapou o éxito cun estilo máis fresco.

De De la Morena nunca esquecerei os seus chascarrillos con cero gracia sobre o Atlético de Madrid, as súas preguntas carentes de estilo a María Vasco, olímpica de marcha, sobre quen fregaba a louza na casa, se ela ou o home, ou a pregunta a non lembro que deportista polo seu pai, que el non o sabía, pero falecera.

García tiña bastante máis gracia no seu modo de falar e tamén no seu modo de faltar. "Hoy entrevistamos a un árbitro malo, malo, malo de solemnidad: Japón Sevilla, buenas noches". Máis gracia para todos menos para o ofendido, obviamente. Porque, ben pensado, José María era un abusón.

"Ha saltado un hombre del pelotón, José María", recitou un dos seus colaboradores da Vuelta a España que estaba na moto de carreira. "Un hombre soy yo. De quién se trata?", replicou con gracia e enfado García. "Ehhh. Confirmamos ahora. Ehh. Sí, el dorsal número...", respondeu nervioso o outro. "El nombre??", replicoulle xa enfadado. "Un corredor de la Once...". "Mañana no vuelves. No vuelves a esta casa!!!!". Berraba José María mentres o xornalista da moto balbuceaba solicitando clemencia, tras sufrir o que parecía un despedimento público.

García era un tipo brillante, intenso, un xornalista que non descansaba, un detective privado que facía o que fose para chegar á noticia e aos protagonistas e que deu un xiro á forma de entender a profesión, que lle deu un pulo decisivo ao deporte en España e que acabou enterrado porque, como todo, os estilos acaban esgotándose e os inimigos agazapados cobran facturas.Comparalo con José Ramón De la Morena (sen negar a intelixencia e a boa lectura do mercado de Joserra no seu momento) é unha soberana tomadura de pelo. Eu, con García.

A parábola do solar
Comentarios
ç