Blog | Acabou o conto

E aínda hai quen aplaude

Os personaxes de EL Chavo del Ocho.CEDIDA
photo_camera Os personaxes de El Chavo del Ocho. CEDIDA

O Profesor Jirafales estaba a preguntarlle aos alumnos que querían ser cando fosen maiores. Un quería ser futbolista, outro astronauta, outra modelo, e outro, mestre. Con aire solemne, Jirafales avanzaba dirixíndose aos rapaces, ata que chegou ao Chavo del Ocho.

—Chavo, ti que queres ser de maior?

—Rico, señor —Naquel momento, o Chavo resumiu o sentir do 99 por cento da poboación do universo. O do outro 1 por cento non. Ese 1 por cento só quere ser máis rico.

O Rubius seguro que tamén pensaba así de rapaz. Seino porque eu de pequeno tamén quería ser rico. Quería que meus pais non discutisen tódalas noites, que meu pai pasase máis horas cos fillos, que miña nai non tivese que levarnos ao médico no colo, despois de camiñar tres kilómetros. Quería unha bicicleta e unha canastra, quería que non vivisemos nunha casa nun barrio sombrío, húmido e frío da Cedeira máis escura. Quería unha cama para min so e non ter que compartila coas miñas irmás. Quería comer chocolate tódolos días de inverno e un xeado tódolos días do verán. Quería uns tenis e unhas botas novas tódolos anos. Quería libros meus e que ninguén mos tivese que prestar para ir á escola. E sabía que a forma máis doada de conseguilo era sendo rico.

O grave non é evadir capitais: o grave é presumir da evasión

El Chavo del Ocho é unha obra mestra da filosofía occidental. A meirande parte dos cidadáns empatizamos cos seus protagonistas máis pobres, que saben pasalo ben sen teren nada, porque nalgún momento, aínda sen chegarmos a durmir nun barril coma El Chavo, fomos tamén pobres e soubemos pasalo ben.

Seguramente o Rubius era moi novo cando El Chavo del Ocho era un programa de culto. Para quen non o saiba, El Chavo del Ocho era unha serie mexicana na que homes e mulleres adultos e adul-tas facían de nenos e nenas e os interpretaban en escenarios que non daban para moito, cunha calidade de imaxe só empeorada pola calidade de son. Un Oscar non levaría, pero os guións e as interpretacións eran maxistrais.

Como o paisano este non o vería, non tivo tempo a verse identificado con aquela miseria nin a empatizar con ela. O Rubius é un Youtuber que se mudou a Andorra, onde se pagan menos impostos. Un caradura de marca maior que ademais de non querer aboar o que España lle esixe, fai apoloxía da súa evasión.

Todos queremos pagar o menos posible. É razonable que tentemos dispoñer da meirande parte dos nosos ingresos para abordar os nosos gastos. Sobre todo é comprensible cando hai persoas (moitas máis das que cren) que chegan con apuros a fin de mes sen sequera facer gastos non esenciais. Pero iso é unha cousa e outra ben diferente é fuxir cos millóns para poder facer unha fortuna máis grande.

Sen pagar, non hai recursos para soster a sanidade, nin á educación, nin para pagar as obras públicas, nin as instalacións deportivas, sanitarias, educativas ou  sociais,  nin  para  pagarlles ás forzas de seguridade, nin aos bombeiros...

Como vivimos nun país de ladróns, no que os casos de corrupción política son innumerables, amparados por un sistema que ademais os fomenta, moitos cidadáns cren que teñen dereito a non pagar, coa falsa idea de que o diñeiro público non é de ninguén e só vai encher os petos de outros. Esa idea perigosa destrúe o pouco que queda do estado de benestar.

Como Rubius hai ducias de famosos e empresas que foxen a Andorra ou outros paraísos fiscais e que de cando en cando enarbolan a bandeira da patria. E o peor é que aínda hai quen lles aplaude.

Comentarios