Blog | Acabou o conto

Bono, with or without you

José Bono na súa etapa de ministro xunto a Zapatero. EFE
photo_camera José Bono na súa etapa de ministro xunto a Zapatero. EFE

Miña nai sempre me dixo que estaba feo falar dos mortos. Eu pensaba que levaba razón, pero non estaba seguro de todo, porque me viñan á cabeza Hitler, Stalin e Kissinger, que vive, pero debe de estar ao caer. 

Parecíame unha parvada de miña nai non poñer a feder a quen o mereceu. Por iso sabía que era cousa de esperar ata que ela mesma se saltase a súa propia lei. Así foi que un día me deu a razón: "O demo do Elías, que ruín era, que sempre me movía as canas da leira para ter máis terreo". "Mamá, non se fala mal dos mortos", solteille en plan cabroncete. 

"Cala, morriñoso. Onde vai que morreu". Non lle preguntei canto tempo había que deixar pasar para empezar a sacudirlle a alguén despois de falecido, pero aquilo empezaba a valerme. "E xa llo dixen a el moitas veces", acabou por agregar. 

En medio segundo, miña nai determinou cales eran os criterios que hai que empregar para falar con desprezo dos finados, sen necesidade de elaborar un tratado nin asinar un armisticio: que pasase X tempo e que o falecido tivese coñecemento previo da información por parte do agresor. Dixérallo a el. Non era unha falsa. 

O outro día, diante da tele, miña nai viu a Bono falando mal dun falecido. E miña nai, que cre case todo o que din na tele, espetoume: "o Anguita ese había de ser un burro de carallo". Eu tívenlle que cambiar de canle e poñer Tele5 para que estivese mais entretida e non pensase mal de... e non pensase, a secas. 

Bono chegou á Sexta e cuspiu sapos sibilinos pola boca, poñendo caras de estrañeza, combinando xestos faciais que pretendían definir canta profundidade había no seu discurso. Alguén que non o vise ata podería pensar que estaba improvisado, que non o levaba escrito da casa, que lle saíu da alma. Pero Bono ten máis de cantante que de actor e aquel discurso tiña horas diante do espello. 

Para falar con autoridade moral hai que asegurarse ben de tela

Bono dixo que Anguita estaba intelectualmente menos preparado que Pablo Iglesias. No primeiro que pensei foi se cumprira cos protocolos establecidos pola convención de Mercedes, miña nai, para sacudirlle a aquel difunto. Pasou tempo de abondo para falar así del? Diríalle Bono aquilo a Anguita á cara? 

Bono tamén dixo que viu a Iglesias darlle unha aperta a Anguita "medio lloriqueando", cun rostro e tonos burlescos, como se emocionarse fose malo, como se lembrase estar no patio do cole de Albacete e un amigo lle dixese que chorar é de nenas e non de machotes. 

Bono é un tipo que emprega o concepto izquierda con certa autoridade moral no seu discurso, pretende humillar e ofrece leccións éticas porque foi Ministro de Zapatero, presidente de Castilla la Mancha e porque lle chaman barón. 

O problema é que para falar con autoridade moral hai que asegurarse ben de tela. Denigrar a Anguita sobre a súa capacidade intelectual un ano despois do seu falecemento como arma arroxadiza contra Iglesias está moi ben. Que Anguita estea vivo ou non só é relevante porque lle impide defenderse, porque lle evita a Bono a réplica, porque o deixa coma un covarde. 

Pero cando a inmensísima maioría de persoas, dentro e fóra da política, da cor que sexan, sinalan non só o elevado nivel político senón tamén humano do teu obxecto de escarnio (Anguita renunciou á súa pensión como exdeputado porque coa que lle daban como mestre tiña dabondo; a ver cantos fixeron iso), as palabras que empregaches para definir a outro dan a volta e só serven para definirte a ti.

Comentarios