Blog | Acabou o conto

A culpa é do Coletas

Unha persoa saca a pasear dous cans. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha persoa saca a pasear dous cans. RAFA FARIÑA

MARIANA, FAS? Levas tres días con febre e a tusir. Así non imos saír. Ai! Non tires que me fas dano!

M: Veña, Bruno. Ben que querías outros días dar o paseo.

Non entendo a esta muller. Cando tiña que traballar inventaba calquera cousa para quedar na casa cunha baixa. E agora que está mala dalle por saír. Será mellor que goce do paseo e do sol, que esta señora perdeu o sentido. Non ten nada que ver coa que eu coñecín hai xa anos, que era lúcida e espelida.

Agora Mariana ponse a falar coas outras ghichas estas que foron mercar peixe á praza.

B: Non te pares, Mariana. Que agora non se pode, que as vas contaxiar.

M: Para quietiño, Bruno. Non amoles, que andamos a comentar o que dixo o maricallo de Tele 5.

A1: Que gracioso é.

A2: E que mono! M: Nenas, que é meu. Voume poñer celosa.

Xa non sei se falan de min ou de Jorge Javier. Trátanme coma un mono de feira. Odio que me falen así. E Mariana continúa co grupiño. Xa vai media hora coas cinco tipas estas sen parar de tu sir. Aínda lles di que non é nada. E elas fan brincadeira co asunto.

B: Vaivos contaxiar a todas e ides ver que risa. Menos mal que eu son inmune.

M: Outra vaca no millo! Que tes, Bruno?

B: Teño que non podemos parar aquí. Vamos. Pero ao supermercado non!!!

M: Esperas aquí, Bruno.

B: Non o dubides. Aí dentro non se me perdeu nada. Ti verás o que fas.

Joder coa Mariana: para a falar coa caixeira como se nada e pon a palpar a froita sen luvas. Cando cheguemos de volta vaime oír.

Pero que vexo! Aí vén Linda. Cada día está máis boa. Síntome un vello verde, pero como me pon a Linda.

B: A que andas, Linda?

L: Estaba a dar un paseo, coma sempre- vólveme tolo. Pena non ser un pouco máis novo e estar máis en forma- Véselle ben, señor Bruno- Merda, matoume con iso de señor.

B: Pódesme chamar Bruno, moza.

L: E vostede, Bruno, que fai?- Para chamarme de vostede, xa podía seguir a chamarme señor.

B: Estou a agardar pola Mariana, que anda no super a palpar as peras.

L: E non dicía que tiña Covid? B: Ten. L: E como é que lle deixa que ande así?

B: Seica a ela non lle di ninguén o que ten que facer. Non hai quen poida con esta muller.

L: Como diga. Eu marcho.

Merda, aínda quedei coma un irresponsable diante desta moza por culpa da Mariana. Estou ata... Aquí a regresa.

M: Bruno, veña, vamos para casa. Non imos á Lotaría.

B: É o mellor que podía pasar.

Oh, oh! A veciña de arriba. Esta sabe que Mariana está contaxiada e é un tía seria. Non quero mirar.

V: Señora Mariana, A que anda? Non estaba contaxiada? Nin se me achegue.

M: Xa estou ben, filla.

Por como te mira, eu creo que non ten creu, Mariana.

M: Quería sacar a pasear ao can, que está vello e na casa abúrrese.

B: Ehhh. Que gheta!!! Se eu non quería saír. Se foches ti. Creme, veciña.

V: Pois para casa, xa, que está a enfermar e a morrer moita xente e a calquera lle pode tocar.

M: É terrible, todo. A culpa é destes políticos que temos. Do Sánchez e do Feijóo. E do Coletas este! Que non fan nada.

B: Si, culpa deles, Mariana.

Comentarios