martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Diversión con bandeiras

Un cidadán haitiano coa bandeira institucional do país, co escudo. JEAN MARC HERVE ABELARD (EFE)
Un cidadán haitiano coa bandeira institucional do país, co escudo. JEAN MARC HERVE ABELARD (EFE)

DURANTE 16 anos da historia, Haití e Liechtenstein tiveron bandeiras completamente iguais: un dos países con máis nivel de vida do mundo e un dos máis pobres, vencellados pola mesma enseña.

Liechtenstein é un país do que a meirande parte dos españois descoñece a existencia e do que moitos menos aínda saben onde queda. Está entre Austria e Suiza, ten moi boa calidade de vida,e destaca polas súas paisaxes alpinas e os seus castelos. É o cuarto estado máis pequeno de Europa e do Mundo, despois do Vaticano, Mónaco e San Marino.

Durante 16 anos, Liechtenstein e Haití tiveron a mesma bandeira

Haití está no Mar Caribe. Ocupa un anaco da illa La Española. Por paradóxico que pareza, o único paraíso de entre Haití e Liechtenstein é a segunda. Paraíso fiscal, por suposto. Porque Haití é o pato feo do Caribe, o país máis pobre de América. Os furacáns atracan nas súas costas con frecuencia e non se explotou o atractivo turístico da rexión como noutros países cercanos.

Haití e Liechtenstein non se parecen en nadiña. Hai moitos estados que teñen bandeiras case iguais. Repiten cores, forma, distribución cromática e elementos: Colombia-Ecuador-Venezuela, Australia-Nova Celandia, algúns países caribeños, os países nórdicos de Europa, países africanos de similares latitudes, os países árabes. Todos con historias que contar e que explican a semellanza do seu símbolo.

No caso de Liechtenstein e Haití só a casualidade. A casualidade sobre dúas cores que ben podían ter sido a equipación do Pontevedra: un encarnado case granate e un azul intenso.

Desde o século XIX, dúas franxas verticais desas dúas cores ocupaban ao 50 por cento a tea do principado europeo. En 1921, pouco despois de rematar a Guerra Mundial. Liechtenstein optou por mudar a disposición das franxas: pasounas de verticais a horizontais. E aí quedou o conto.

Liechtenstein era un país insignificante. Daquela non había Internet, nin fotografías a cor, nin un gran desenvolvemento da información. As comunicacións eran suficientemente complexas para que naquel pequeno principado soubesen que un dos países máis pobres do mundo tiña a mesma bandeira desde moito antes.

Haití adoptou a súa bandeira no século XIX. En plena revolta contra os franceses pola independencia, os haitianos tomaron a enseña francesa e tiráronlle a cor branca para avisar de que expulsaran aos invasores brancos dos seus territorios. E quedou a cousa encarnada e azul.

En 1921, sen sabéreno, os dous países ficaron co mesmo emblema. Houbo Xogos Olímpicos en 1924, en París; en 1928, en Amsterdam; e en 1932, en Los Ángeles. En París non participou ningún dos dous países. No 28 e no 32, só o fixo Haití. Entón chegaron a Berlín, os Xogos de Jesse Owens e Hitler. Liechtenstein participaba por primeira vez. E no desfile inaugural dúas bandeiras iguais ondearon ante a mirada de miles de xermanos, creando un conflito que resolver. Coa que estaba a caer en Europa, aquilo ocupou menos espazo nos xornais que a vacina da Sida comparada coa do covid-19.

O caso é que Liechtenstein resolveu o problema pola vía rápida. Incorporou o deseño da coroa dourada ao estremo superior esquerdo da bandeira. Haití aínda conserva hoxe a mesma versión da súa insignia civil, aínda que na bandeira institucional inclúe un exótico escudo distintivo.

Co que unen e separan as bandeiras, era inconcebible que uns tipos ricos, loiros e de ollos azuis e uns tipos negros, desleixados e pobres tomasen a sombra debaixo de idénticos anacos de tea.

Diversión con bandeiras
Comentarios
ç