Blog | Acabou o conto

Eleccións con corazón

Un cidadán exerce o seu dereito ao voto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Un cidadán exerce o seu dereito ao voto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

O meu amigo e amigo dunha gran cantidade de pontevedreses Seve Penelas é do Pontevedra. Só e exclusivamente do Pontevedra. Un día, no campo de Pasarón, mentres rillaba as unllas vendo xogar ao equipo, un observador imparcial preguntoulle a Penelas de que equipo era.

-Do Pontevedra.

-Non. Eu referíame a que equipo de Primeira División. Do Madrid, do Barcelona…

-Eu son do Pontevedra. Só do Pontevedra.

-Pero iso non pode ser.

-Por que non?

-Vostede é un egoísta, só pensa nun equipo.

Seve leva o granate moi adentro. É unha cor que acapara o seu corazón e non hai forma de que o comparta. Nin é preciso. Nunha época de decrecente paixón deportiva polos modestos, boa falta fan seareiros coma el.

Co fútbol, con calquera outro deporte, coa música, coa arte ou coa actividade que sexa, mentres non se extreme o fanatismo, non é insano deixarse levar polo corazón. Sen piques, sen vaciles, sen ‘trolleos’, sen emocións nin paixóns, a afección sería moi aburrida.

O problema é cando o corazón predomina en materias relevantes que afectan á vida pública, á vida de todos: a política. A batalla do poder é agora tan visceral como a pelexa por un partido de fútbol.

A xente non se para a pensar realmente que van facer co seu futuro eses señores e señoras tan elegantes, que chegan ás súas butacas na cámara de representantes e toman decisións. Simplemente axitan a bandeira dos seus, sexan quen sexan, e deféndenos contra vento e marea, contra a súa torpeza, contra a mediocridade e incongruencia do seu discurso, contra os erros e delitos cometidos ao amparo do seu partido, contra calquera defecto. Os afeccionados ás siglas viven durante catro anos queixándose das maldades do sistema, das deficiencias dos que mandan, pero nos seus adentros, aínda que os deixen sen alimento nin casa, aínda que lles arrebaten a sanidade e a educación, saben que van volver votar polos mesmos, porque son os seus.

Non se pode explicar doutro modo, se non, que os grandes partidos da antiga política, encabezados polos dous líderes máis incapaces da súa historia, despois de crises internas ‘peliagudas’, marcadas por múltiples casos de corrupción, vaian ser os partidos máis votados nas xerais. Así é o electorado español, excepto nos comicios municipais, nos que a proximidade física permite palpar o traballo dos gobernantes e sentir a forza das figuras individuais por riba do valor dunha bandeira.

Chega o día de votar, agarran a bufanda e a camiseta, póñena por dentro do xersei e a chaqueta e acoden ás urnas a facer uso do seu pequeno poder. Levan o sobre como quen porta unha entrada para un partido de fútbol. E á noite, cando gañan ou perden os seus, en plena escenificación da derrota ou da vitoria nas sedes electorais, choran ou soltan a euforia ao comprobar os resultados.

Ese é o electorado, máis pendente de vencer o encontro que de salvar a vida, como se a chegada do domingo de votación fose a final da Copa do Mundo e o seu día a día fose ser mellor polos resultados e non polas consecuencias dos mesmos.

E despois da ledicia da vitoria ou da tristura da derrota volve ser o de sempre. Regresan as queixas porque a educación e a sanidade están mal, porque hai desafiuzamentos e corrupción, porque o país non mellora.

Madurez democrática.

Comentarios