Blog | Acabou o conto

Futbito nas Olimpiadas

O político Jordi Turrull, despois de saír de prisión. KIKE RINCÓN (EUROPA PRESS)
photo_camera O político Jordi Turrull, despois de saír de prisión. KIKE RINCÓN (EUROPA PRESS)

UNHA DAS primeiras cousas que me ensinou o meu xefe, David Acevedo, cando cheguei ao Diario de Pontevedra, foi a chamarlle aos Xogos Olímpicos polo seu nome, Xogos Olímpicos. A xente está moi habituada a cambiarlle a nomenclatura e dicirlles Olimpiadas, que é un alcume feo e impreciso. Hai moito vicio.

A imprecisión terminolóxica sempre foi un dos meus peores defectos no desenvolvemento da profesión. Porque no monte, de onde eu baixei para vir a Pontevedra a traballar, chamabámoslle futbito ao fútbol sala. E iso é pecado. O futbito non é un deporte que teña moito éxito nas Olimpiadas, non. Despois está o de dicirlle masaxista a un fisiterapeuta ou ximnasia á clase de Educación Física.

Co tempo aprendín a discernir entre o uso común e o correcto. As imprecisións terminolóxicas son xeralmente froito dunha ignorancia sen pretensións.

Nada de ben intencionados teñen, sen embargo, outros conceptos incorrectos de uso frecuente para fins sibilinos. O meu favorito é o de golpista. Golpistas para definir aos políticos presos cataláns que formaron parte do desafortunado paripé independentista que contribuíu de forma decisiva para a fractura social do Reino.

Poucas cousas me joden máis que ter que defender a uns señores cos que non comulgo, moitos deles permanentemente mergullados nun victimismo que en ocasións me produce náusea. O nacionalismo catalán é un nacionalismo que transmite a sensación de facer primar o euro sobre a esencia. E eu, como romántico, detesto iso.

Sexa como for, por mal que me caian, os que organizaron aquela desfeita que non había por onde coller non eran golpistas, porque o que fixeron non foi un golpe de estado. Un golpe de estado implica sempre a toma do poder para arrebatarllo a un terceiro que o posúe. Implica forza física, un asalto, o que fixo Fidel Castro con Batista, Franco coa República, Pinochet con Allende e o que intentou Tejero con Suárez. Hai quen di que un golpe de estado pode implicar o uso sibilino de outro tipo de forzas sociais e económicas para derrocar ao poder preexistente e ocupalo: segue implica a chegada ao poder e o fin do poder de outro.

Sen entrar en valoracións xurídicas, á fallida declaración de independencia catalana pódeselle chamar de moitas maneiras, pero nunca golpe de estado.

O que eu diga dá igual. Tamén dá igual o que diga o diccionario e a historia. É o mesmo: algúns desafortuxornalistas da escena estatal, persoas afíns e políticos da dereita moderada, non moderada e rastrera xa se fartaron a repetir que, efectivamente, o que sucedeu foi un golpe de Estado. Un dos mellores trucos da propaganda é repetir unha mentira ducias de veces ata convertela en verdade. E por claros que sexan os casos da historia e a definición da amada RAE, ninguén os moverá de aí. A eles nin aos seus fieis votantes.

Por suposto, tamén en Pontevedra. Pontevedra non pode vivir sen saber que os seus políticos son contrarios aos indultos do procès, porque son golpistas, segundo algún dos concelleiros populares, e aos golpistas non se lles defende. E o Reino non pode vivir sen que Pontevedra lle dea o seu apoio.

Boa maniobra política de Rafa, si. Lores apoia aos golpistas é o titular pretendido. Fenomenal campaña de desgaste para alcanzar o poder. Pregúntome se iso tamén entrará dentro da nova acepción de golpe de estado.

Por certo, por se teñen curiosidade, os Xogos Olímpicos son o evento deportivo que ocorre cada catro anos e as Olimpiadas, o período que transcorre entre uns Xogos e os seguintes.

Comentarios