Blog | Acabou o conto

Liberdade, soa ou con xeo?

As terrazas da Praza de Méndez Núñez. DAVID FREIRE
photo_camera As terrazas da Praza de Méndez Núñez. DAVID FREIRE

A RISCO de que algún mestre coloque a miña foto como diana na porta do seu dormitorio, estou en condicións de asegurar que unha das mellores experiencias da vida de calquera ser humano é traballar con nenos. Eu tiven a fortuna de facelo grazas ao meu amigo Denís, que me liou para levar as Escolas Deportivas do Boa Vila Basket no colegio Los sauces de campañó. Non o cambiaría por nada do mundo.

A experiencia foi magnífica, pero o primeiro día lembreime moito de Denís, e non porque quixese felicitarlle o aniversario ou as festas. cando baixaban ao pavillón para dar a extraescolar de baloncesto, os rapaces viñan de facer o esforzo de poñer atención na aula durante un bo tempo e precisaban espazo para queimar adrenalina. E escolléronme a min para levar a cabo o seu plan. O único responsable de permitírllelo fun eu. A miña estratexia de intentar caerlles ben foi máis equivocada que a de Podemos nas Autonómicas galegas. Ao momento interpretaron mal a mensaxe –calquera o faría– e aquilo concedeulles o poder absoluto para converter a lección nun caos.

Ao rematar fun ao confesio nario de Denís mosqueado pola embarcada que me metera. Pois aínda por enriba tiroume das orellas. "A culpa é túa, por non pórlles regras".

Así que ao día seguinte planifiquei uns mandamentos que facer cumprir, co afán de que os nenos máis fedellos e inquedos fosen menos fedellos e inquedos. Pero seguín a fracasar durante unhas semanas, porque as regras non levaban aparellada castigo. A meirande parte entendíaas, pero unha incómoda minoría tomábame a cachondeo, ata que un día comecei a sancionar: o que non cumprise as actividades, veríase abocado a pasar a hora na aula de estudo. E aquilo era un problema, porque naquela aula non podían correr, botar, falar cos amigos nin tirar a canastra: só estudar e facer os deberes en silencio.

Desde que o primeiro deles pasou pola aula de estudo, os demais decatáronse de que as regras estaban para ser seguidas. O curioso é que despois de cumprilas, mesmo pareceron máis felices. Había máis orde, menos conflitos entre eles e aproveitabamos mellor o tempo.

Non deixo de pensar naqueles nenos aos que lles precisei aplicar unhas regras con sancións cada vez que vexo a Isabel Díaz Ayuso na tele, no Diario, ou no Twitter, con ou sen o cinto de seguridade posto cando vai no coche (xa ela decide cando hai que ir segura e cando non).

Non deixo de pensar no seu lema de Comunismo o Libertad e despois de lembrar ás ducias de persoas novas desenmascaradas pillando unha borracheira o sábado por Pontevedra, nada máis acabar o Estado de Alarma.

A mensaxe da señora permitiu dúas cousas: o seu triunfo nas eleccións e alentar a libertinaxe da poboación. calquera entendería mal o seu lema. Tamén o Goberno, a Xunta e algúns medios erraron á hora de facerlles chegar aos cidadáns a mensaxe: porque os cidadáns non deixan de ser como os nenos das miñas extraescolares (sen ser tan inocentes como o eran eles): unha meirande parte, responsables, pero rodeada por unha minoría ruidosa que precisa que lles poñan regras e sancións.

Algúns pensarán que os axentes que os multan son enviados do comunismo e os que dictan as regras uns estúpidos roxos, pero se por algo precisamente funciona a sociedade e a convivencia é pola existencia de normas. sen elas, a liberdade electoralista de Ayuso sería libertinaxe. E chegado ese punto, ata calquera con sentido común preferiría o comunismo.

Comentarios