Blog | Acabou o conto

Liberdade de expresión

Edu Galán. VOZPOPULI.ORG
photo_camera Edu Galán. VOZPOPULI.ORG

O OUTRO día chamáronme machirulo e proxeneta por defender a liberdade de expresión. Non a miña, senón a de Edu Galán, un humorista que tamén se emperrou en reclamala para outros.

Verán, unha moza murciana tiña pensado levar a cabo unhas xornadas sobre prostitución na Universidade da Coruña, dando cabida a enfoques amplos e complexos, os mesmos que se deben empregar no debate de temas tan amplos e complexos como ese. Diferentes colectivos e voces feministas e abolicionistas montaron en cólera e a UdC apostou por evitarse leas e cancelou as xornadas.

Non crean, a filosofía das conferencias non era promover que as nosos fillos e fillas lle poñan prezo ao seu corpo, nin defender a liberdade do tratante de brancas e do chulo de seguir lucrándose mediante a explotación sexual. Pretendían abordar a situación desde outros puntos de vista que tiñán que ver, sobre todo, cos dereitos da prostituta, segundo podo deducir polo programa e a entrevista que lle puiden ler á rapaza que organizaba as charlas.

Escoito a Cope para saber como pensan na trincheira inimiga

O caso é que a Galán, que defende por enriba de todo a liberdade de levar a cabo as xornadas (a liberdade de expresión é, como o meu, o seu modo de vida), empezaron a choverlle os piropos en Twitter. E a min, por meterme na conversa, tamén. Un díxome que entre os colegas (Edu e eu) que imos de putas xuntos, nos defendemos. Teño mala memoria, pero non tanta como para non lembrar a miña asistencia co señor Galán a clubs nocturnos. Nesta vida, non.

A liberdade de expresión é unha boa vara de medir da saúde dos estados democráticos.

No día a día a todos se nos enche a boca con ela, coa súa importancia. Pero á hora da verdade, moitos dos que enarbolan esa bandeira son os primeiros que se amosan censores co pensamento contrario e se negan ao debate.

A min moléstanme moitas cousas. Outras sorpréndenme e as máis entristécenme. Pero atendendo ao marco legal ou mesmo fóra del (Catalunya, xa saben) intento respectar e mesmo atender a persoas de outros credos. Escoito a Cope polas mañás para saber como pensan na trincheira inimiga. Ás veces, mesmo estando sobrio, creo que Expósito e Herrera levan razón. E sigo vivo.

Teño amigos ultracatólicos tan de dereitas que para eles Abascal é a ‘Derechita Cobarde’. Manexan ideas que me parecen tan arcaicas ou tan neoliberais en moitos temas que me quento discutindo con eles.

Eu non busquei a eses amigos, pero tampouco fixen un casting na procura de persoas coas mesmas ideas cas miñas. O certo é que a meirande parte da xente que me rodea comparte unha base do meu pensamento. Pero tamén teño amigos no bando contrario. E créanme, non son peores, nin menos intelixentes, nin menos altos, nin menos guapos. Simplemente teñen outras crenzas. E nunca se me ocorrería dicir (falando en serio, de coña igual si) que non teñen dereito a expresalas.

Por iso me molesta tanto contemplar o fascismo dialéctico deses que queren impoñerse, algúns dos cales enarbolan bandeiras que despois na vida cotián non son quen de defender: feministas que lle pisan a man ás súas compañeiras de traballo porque cos homes non se atreven; defensores do Open Arms que camiñan máis rápido cando un negro vai detrás deles; sindicalistas que acaban sendo xefes tiránicos; indignados con Amancio que lle pagan en B ao albanel... Seres inconsecuentes que como autoproclamados redentores do povo entenden que a liberdade de expresión só ten sentido cando eles a poden empregar.

Comentarios