Blog | Acabou o conto

O de menos son as cañas

ayuso fanjul
photo_camera Bea Fanjul (esquerda) dándolle unha aperta a Díaz Ayuso nun acto de campaña. EUROPA PRESS

HE decidido improvisar. Pero cada vez que improviso, asusto al personal». Alí estaba Bea Fanjul, anunciando a súa hecatombe, no medio de Madrid, coas súas impecables guedellas roxas, entregada á súa audiencia, coma unha estrela da canción, que basicamente é o que son os representantes da política de hoxe: bastante cantantes, pero sen boa voz.

A Bea, que para máis señas é a xefa das NNXX do PP e brilla no País Vasco, fundamentalmente, por non querer falar eúscaro, tiña un tono de voz algo estraño, un riso frouxo e verbas sibilantes que lle saían atropeladas pola boca.

E entón lanzoulle un dardo envelenado a Díaz Ayuso. «Sabes eso que dicen» -pasou de rock star a parendiz do monologuista, aínda que cun un riso malicioso que Eugenio nunca lle perdoaría- "¿Sabes eso que dicen que más vale malo conocido que bueno por conocer? ¡Pues eso! Eso es Ayuso".

Nunca tan pouca profundidade convencera a tanta xente

Tímidos aplausos de compañeiros, afiliados e votantes convencidos racharon co speech da Bea, anunciándolle que era mellor que non seguise co emprego do refraneiro. Bea tragou aire, pode que consciente do oprobio que lle acababa de custar cero votos a Ayuso.

A cousa seguiu. Cada dous por tres, á Bea escapáballe un riso algo incómodo. «¿Y quién es el mejor jefe de Gabinete? es ¡Carrrrrromero! ». Comezara sendo Malú, despois pasara a ser Eugenio e daquela xa se metera no papel de Leticia Sabater presentando A Mediodía, Alegría.

No cuarto estadio da éxtase, tras saudar ao neno Jesús ao toque da campá dunha igrexia próxima, meteuse no papel de presentadora de Mujeres Hombres y Viceversa. «Cuando os gusta una chica, María, vais a por María, ¿verdad?. No vais a por Ana a través de María, ¿verdad?, porque sino acabáis con Ana. Pero es que si hablo con Ana, puede que acabe con María. No». Para ese momento temíase mareo ou desmaio ao estilo Julen Lopetegui, pero a Bea mantívose de pé.

Aquela conduta fixo sospeitar do estado da moza. Non sería a primeira vez que un político intima coas cañas. Xa o fixera había uns anos Aznar nunha convención de Ribera de Duero, non sei se xusto antes de mandar a España á procura de armas de destrución masiva onde só había area.

A Bea gañou máis protagonismo polo seu discurso na campaña de Madrid que por calquera acción no País Vasco.

Moita xente se pregunta se realmente aquela muller estaba baixoos efectos do alcohol nun acto de campaña dun partido político que ten que xestionar o futuro dos cidadáns, ou se realmente é que non daba máis dela e era incapaz de manter a compostura mesmo sen beber, o que multiplicaba a miña preocupación.

E crean que non me parece mal que un político se mame. De feito, imaxino a Anabel Gulías ou Guille Juncal, por dicir a dous mediáticos de aquí, pasados de copas coma Deus manda, na Feira Franca ou nas Peñas. Se non o fixesen, ata me fiaría menos deles

 A cousa nin sequera é saber elixir ou non o momento para beber, porque un desliz pódeo ter calquera. A cousa é que nin con líquido elemento nin sen el sexas quen de trazar un discurso.

Sorprende que algo tan carente de profundidade convenza a tanta xente. E iso non é cousa exclusiva de Fanjul, precisamente. É cousa dun amplo sector de políticos que baleiran o cargador cunha serie de slogans barateiros adicados a desprezar ao rival electoral, ata chegaren ao insulto, pero con poucas ou ningunha proposta, sen aclarar o seu programa, non vaia ser que, lonxe do barro e en boa lide, alguén os poña colorados.

Comentarios