viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

No nome da rosa

Pedro Sánchez cando viñera a Pontevedra nas primarias do PSOE. RAFA FARIÑA
Pedro Sánchez cando viñera a Pontevedra nas primarias do PSOE. RAFA FARIÑA

NON DEBE de haber nada máis duro que ser social-demócrata ou socialista e formar parte do PSOE. Vivir coa conciencia maldita perforando a mente no medio dun océano de contradicións.

Imaxino a un esquerdista de ben coma Tino Fernández contemplando a escena nacional e a serie de traizóns ás que os sucesivos gobernos do PSOE levan sometendo aos seus votantes e ao significado das súas siglas sen inmutarse.

A permanencia dos socialistas de verdade baixo o acocho do PSOE só se pode explicar pola intención de cambiar as cousas desde dentro, porque fóra do partido vai moito máis frío á hora de presentarse a ningún tipo de elección ou por apoltronamento (xa se sabe que en tódolos partidos hai moitos politicuchos aburguesados que se adican a facer nada e vivir bastante ben grazas á súa lealdade ás cores ou aos que mandan).

Pénseno ben, o PP, máis alá do asunto da corrupción, non traizoou nada. No PP non enganan a ninguén. Son de dereitas e actúan como un partido de dereitas. Non creo que poida haber ningún votante do PP que teña dereito a queixarse e dicir que é un partido demasiado moderno, demasiado divertido, demasiado agnóstico, demasiado de chaqueta de pana ou pantalóns vaqueiros ou demasiado de esquerdas. Como moito, haberá alguén que crea que é moito menos de dereitas ou moito menos nacionalista español do que el mesmo (e para solucionar iso está VOX) ou que o castigará polo seu mal hábito de meter man na caixa (para iso tamén estaban os de Cs, ata que un OVNI aterrou en Murcia e os captou para a causa).

Debe de ser moi duro ser socialista ou socialdemócrata, ter pelexado e construído unha carreira política dentro do partido, co afán de facer o ben para os veciños ou os compatriotas e descubrir como día a día Pedro Sánchez e os seus secuaces pervirten o significado das siglas.

Ao final todo ese esquerdismo anunciado quedou en caricias, en xestos superficiais, en catro detalles que afectan ao ámbito social, pero non á economía dos cidadáns e non sempre ás súas liberdades.

Debe de ser frustrante ver a Marlaska ser incapaz de censurar e castigar actuacións salvaxes de algúns axentes (nin un, nin dous, nin tres) que manchan o bo nome da Policía e da meirande parte dos seus membros.

Debe de ser molesto comprobar como o partido defende a un fuxido da xustiza, representante de unha institución arcaica como a Monarquía, a pesar dos constantes deslices, erros e fraudes nos que incorreu.

Debe de ser desagradable contemplar como Sánchez segue a entregar a súa alma ao diaño contra os intereses dos cidadáns en asuntos como as tarifas da luz (deben de ser cómodos os sillóns das eléctricas); comprobar como racha o acordo co socio de goberno para limitar os prezos dos alugueres e facilitar a achega a unha vivenda digna, mentres anciáns e persoas sen recursos quedan na rúa desafiuzados polos grandes propietarios.

Ha de ser desagradable ser do PSdeG e que che lembren o incumprimento que os teus fixeron sobre a gratuidade da autoestrada AP-9 para os teus veciños.

En resumo, debe de ser moi complicado ser socialista ou socialdemócrata e ser do PSOE. Contentarse con aplaudir certos xestos na política de igualdade e ter que poñer a venda nos ollos ou calar cada vez que Sánchez mancilla o significado das siglas.

A un só lle sae enviarlle unha forte aperta a todos eses superviventes socialistas ou socialdemócratas que seguen a crer no nome da rosa.

No nome da rosa
Comentarios
ç