Blog | Acabou o conto

O milagre de Miguel Anxo

Lores saudando aos vogais e presidente da súa mesa electoral o pasado domingo xunto a Carme da Silva. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lores saudando aos vogais e presidente da súa mesa electoral o pasado domingo xunto a Carme da Silva. GONZALO GARCÍA

AO MEU amigo Marcos non lle gusta Lores. Di que é un pouco melón. Non sei que teñen de malo os melóns nin tampouco cal é o pecado de Lores para ser comparado cunha froita con tanta auga. Pero o caso é que a Marcos non lle simpatiza o alcalde de Pontevedra.

Non é ao único. Hai moitas persoas en Pontevedra ás que non lles cae ben. Quizais polo tono que emprega cando fala, pode que pola lingua, seguramente polas siglas que representa e mesmo igual por algunhas decisións das que toma. Lores é un tipo cun carácter que en ocasións se pode confundir con autoritario, o primeiro alcalde que se atraveu a falar da conveniencia do traslado tabú de ENCE da ría e, sobre todo, o home que remodelou a cidade e a converteu en atractiva de verdade para os visitantes.

Lores tamén multiplicou os pans e os peixes, transformou a auga en viño, partiu en dous as augas da ría para que as camiñasen os peregrinos e atallou as sete pragas.

Xa case non queda ninguén que cuestiona o modelo de Lores

Despois desas minucias que lle plaxiaron os guionistas da Biblia, o primeiro que fixo no comezo do seu goberno pontevedrés foi peonalizar. A zona vella, a Michelena, a Praza de España, Benito Corbal. Un tolo. De atar. Os comerciantes saíron á rúa para poñer freo a aquel escándalo enfermizo, a aquela temeridade revolucionaria. Chamaron ao tío Sam para que enviase tanques á Ferrería, o derrocasen e puxesen a un dictador. A idea non tivo éxito porque andaban liados na construción dun muro na fronteira con México. Era así. Pono nos libros de historia.

Agora xa case non queda ninguén que cuestiona o modelo de Lores. Crucificárono, resucitou e por aquí anda, rodeado de nós, pecadores. Ata lle dan premios. Aínda que a el seguro que lle pon moito, iso é o de menos, só un instrumento máis de promoción.

Dá igual. O modelo triunfa, pero el non sempre. Segue sen caerlle ben a moita xente. A Lores critícaselle a incapacidade para xerar postos de traballo e atraer industria. Levan razón. Tamén poden falar da falta de aparcadoiros disuasorios en determinados puntos da cidade e dos barrigudos. Poderíanse facer debates ao respecto e o alcalde non sempre sairía beneficiado.

Outra cousa que lle cuestionan, poucas persoas, é a dificultade para moverse en coche polo centro. Si, si. É duro aparcar no casco urbano. Moito. Dígolle unha cousa, se vostede é dos que dá voltas coma un tolo para estacionar no centro da cidade e circula habitualmente pola vila en automóbil, non mo diga. Perderíalle o respecto. É unha das maiores estupideces nas que pode incorrer un ser humano no século XXI.

Todo forma parte do modelo. O económico e o urbano. A reorganización de espazos para os seres humanos derivou no crecemento dunha das grandes fortalezas económicas de Pontevedra, o turismo. Cada vez hai máis xente que coñece a cidade. E a iso axudan pequenos detalles como a organización de grandes eventos deportivos e a proliferación de turistas que realizan o camiño de Santiago. No goberno local o deporte profesional pareceu tabú nunha etapa pretérita. Agora converteuse en forza.

Poder atravesar a vila andando, sen ter que negociar semáforos e ocupando espazos prioritarios non é un privilexio tan estendido nas urbes españolas. Iso logrouno Lores.

Pero ese non é o verdadeiro mérito do vello Miguel Anxo, nin o dos pans e os peixes. Non. O seu gran milagre é ser quen de gobernar nunha localidade que sempre desprendeu un embriagador aroma ao Partido Popular.

Comentarios