lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Os verdadeiros inocentes

Un tanque. EFE
Un tanque. EFE

NACÍN SENDO afeccionado e seguidor do Celta de Vigo. Non analizaba por que estaba a desenvolver aquela paixón. Simplemente meu pai era socio de Río Alto. E eu ía de cando en cando a ver fútbol de Segunda ou de Primeira División a Balaídos de balde. A xente coa que intimaba era un pouco como a de Tribuna e Preferencia de Pasarón. Celebraba os goles, vivía o Celta, sufría por el e animaba con cánticos arcaicos durante un minuto ou dous, non máis, dos 90. O resto do tempo adicábanse a comentar as xogadas co tipo do lado, a enervarse se as cousas non marchaban e a berrarlle aos xogadores, sobre todo a Camilo por intentar marcar goles olímpicos.

Non tiña coñecemento profundo do que era outra cousa que non fose o Celta. Cambiaba de chaqueta co Madrid e o Barcelona a cada ano (ata o 92 non afiancei a idea de que o que de verdade molaba era o Barcelona) e por suposto non tiña nin idea de que máis abaixo de Segunda División, que era onde me tiña habituado a estar aquel Celta tan divertida e sufridamente ascensor, existisen equipos históricos como o Pontevedra. Ignoraba a paixón que se vivía en campos como Pasarón na Segunda B. Estiven sen sabelo ata o 9 de setembro de 2001, cando entrei por primeira vez no Municipal de Pasarón e vin non menos de 3.000 persoas vestidas de domingo e gozando e sufrindo a partes iguais.

Todos decidimos quen é o malo e o bo no conflicto palestino-isralí

A paixón no deporte ou noutros aspectos relativos ao tempo libre das persoas é fundamental para darlle sentido a esa actividade. Sen afeccionados, sen fans, sen apaixonados, que sentido terían o Celta e o Pontevedra? Pero normalmente a paixón condiciona a claridade do pensamento e resta obxectividade na análise. No deporte, no cine ou na música iso vén a darlle igual a todo o mundo menos aos propios implicados.

Que un hincha de Fondo Sur faga unha análise visceral da realidade non só é normal, senón que non ten trascendencia máis alá do seu propio día a día. Non vai implicar unha crise económica, nin social, nin de valores. Que esa mesma persoa faga análises apaixonados en campos tan serios como a política, ten algo máis de preocupante. Pois así é. Votamos (non todos, ollo) só en base a unhas siglas que non sabemos nin que significan nin que teñen detrás. Celebramos triunfos electorais duns e doutros como se fose a Champions ou o bis dun concerto de rock. A política é un tema complexo e todo o que sucede en torno a ela desde hai un tempo éo máis debido á cantidade de información e desinformación que ronda a vida e actuación dos partidos e as persoas que os rexen: dictaminar sobre a competencia, honestidade, responsabilidade e corruptibilidade deses individuos non é sinxelo con tanto ruido arredor deles.

Estamos tan habituados ao dualismo branco vs negro, a ver reality shows non só nos reality shows, senón tamén nos debates políticos, que ao final nos atrapa. Por iso todos xulgamos xa o que sucede a miles de kilómetros de distancia sen saber. Opinamos en base ao efectismo: todos decidimos quen é o malo e o bo entre os palestinos e os israelíes.

Eu tamén me posicionei. Creo que, coñececéndome, é doado imaxinar de que bando. Pero non é un conflito que se reduza a bos e malos, a se queremos que gañen uns ou outros, a quen leva toda e ningunha razón. É un tema extremadamente complexo. O único asunto posible é facer unha correcta análise, rezar para poñerlle freo á escalada de violencia e que os grupos terroristas e o estado terrorista deixen de aplicar o seu castigo aos verdadeiros inocentes de toda esta historia, os civiles.

Os verdadeiros inocentes
Comentarios
ç