Blog | Acabou o conto

Peixe sen espiñas

Unha señora vendendo peixe na praza. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Unha señora vendendo peixe na praza. DAVID FREIRE (ADP)

CANDO ERA neno, dicía que non me gustaba o peixe porque tiña espiñas. Miña nai desplumábamo. E eu seguía sen comelo. Eu non era de moi bo comer e miña nai non era de andar con lerias. E por iso, chegou un momento da miña infancia no que só había dúas opcións cando sentaba á mesa: ou xantaba peixe ou pasaba fame. Aquela terrible imposición non me impediu crecer. Miña nai non me obrigaba a nada. Eran as regras. Non sei como estará a cousa agora nos fogares galegos, que eu sei que hai moito vicio por aí, pero seguro que nos lares decentes os nenos aos que non lles gusta o peixe non poden ir ao McDonalds para nutrirse sete veces á semana.

Cando ía por aí cos amigos, miña nai non quería que xogase con petardos, que lle fose tirar pedras aos cans abandonados que pasaban pola aldea, que me achegase á Nacional e moito menos que cruzase sen mirar. A pesar daquelas prohibicións, ou se cadra grazas a elas, hoxe estou aquí, máis ou menos ben de saúde física e mental (tampouco sen abusar).

Prohibir e impoñer son dous verbos que desatan auténticos dramas ultimamente, como se na vida real todos puidesemos facer o que nos petase e as regras fosen un agravio. Ata as nutrias teñen normas que cumprir nas súas sociedades e aí seguen, sen extinguirse.

O caso é que para chorar bilis, esas palabras son magníficos. Aínda lembro a José María Aznar na convención de Ribera del Duero falando do anuncio da DGT. No podemos conducir por ti era o lema. "Y quién te ha dicho a ti que quiero que conduzcas por mi?", preguntaba o daquela presidente do Goberno, baixo os efectos de máis de un Ribera de Duero. "A mí no me gustan que me prohíban y me digan lo que tengo o no que hacer", proseguía o home do beizo inmóbil.

A Aznar pasáballe co viño como a algún que outro paisano seu co galego. "Me obligan a hablar en gallego", láianse os defensores do libre acceso a administración galega sen necesidade de ter coñecemento do idioma. "Es un sistema insolidario, me prohiben presentarme a las oposiciones en Galicia porque no sé gallego".

Sempre foi unha regra do sistema, bastante aceptada, que as persoas que fosen a un entorno no que é preciso empregar unha lingua, a teñan que aprender. Máis alá do debate da lingua común, que en algunhas persoas destila un certo acento soberbio propio de culturas colonizadoras (o meu vale máis có teu), en Galicia sempre se falou galego e a pesar de que moitas persoas seguen acomplexadas co seu uso no medio público, os cidadáns seguen a usalo en tódolos ámbitos da súa vida.

Teñan 90 anos ou cinco, seren atendidos na lingua propia segue a ser un dereito nalgúns casos e unha necesidade noutros (unha boa comunicación pode salvar vidas na consulta do médico).

O Estado debería facilitar o estudo das linguas oficiais dos territorios nos demais territorios no ensino secundario e nas Escolas de Idiomas. Certo e importante.

Pero o problema principal non é ese. Nin sequera é que as persoas que non queren aprender galego o aprendan. Porque, sexamos sinceros, calquera que se poña a estudar para unhas oposicións con opcións reais de sacalas é quen de acabar aprendendo galego sen que lle custe un grande esforzo.

O problema é querer cambiar as regras antepoñendo a comodidade propia á necesidade do sistema, poñer por diante ás persoas que van ofrecer o servizo sobre as que o van a recibir, obrigándolles a que sexan eles os que se adapten. Non é que non lles gustan as espiñas, é que non queren comer peixe.

Comentarios