Blog | Acabou o conto

Regular con sentido común

Obreiros construíndo un edificio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Obreiros construíndo un edificio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

TWITTER É como a vida mesma: o peor e o mellor do ser humano atópase no seu  universo:  os  sentimentos máis perversos e as accións máis sensibles e conmovedoras.

Aínda que hai moito lixo e moito sumidoiro andante en Twitter, tamén hai talento e información: verdades coas que contrarrestar o exceso do poder ou poderes reinantes, verdades que ben empregadas poden axudarnos a ser algo máis libres.

Onte atopei unha pequena e encantadora información. "En Dinamarca, os agricultores teñen que cultivar o 5 por cento dos seus terreos con flores de campo para as abellas, por lei. Ás veces, copiar é bo", afirma un artista ilustrando o detalle cun campo preciso de flores.

Hai aspectos de Europa que resultan de envexa para nós e que eles non cambiarían polas nosas praias, a nosa comida e o prezo do alcool: para iso xa pagan durante o verán. Pero non llos temos por que roubar. Basta con copiárllelos.

Un deles é intervir o prezo da luz e o prezo da vivenda. Non estou en contra de non regular, sempre e cando sexa algo razonable. Cando hai menos péxegos (a primeiros de maio), páganse máis caros. Cando hai máis (en pleno verán), páganse máis baratos. Oferta e demanda pura e dura.

Pero iso non ocorre cos prezos dos alugueres. A regulación dos arrendamentos é un feito en países como Francia, Alemaña ou Suecia. Tamén Suiza e Austria aplicaron medidas. En ningún deses países se paga o 30 por cento dos ingresos dun cidadán en vivenda como se paga en España. O 30 por cento de media implica que haberá moitas persoas que non poderán case nin comer, porque terán un salario tan baixo que estarán demasiado limitados.

Pero a regulación do prezo da vivenda é unha quimera desde o mesmo momento no que os propios gobernantes que o deberían controlar foron os primeiros que provocaron o incremento do prezo. Como?

Se teñen Twitter, recoméndolles a Javier Gil, @Gil_JavierGil, un  tuiteiro  que  si  sabe  do  que fala, non coma min (cando non sabes, pregúntalles aos que saben e xa está). Gil explica á perfección como o goberno de Rajoy, no afán por salvar a Banca no seu momento (a Banca quedara con infinidade de propiedades procedentes de desafiuzamentos ou de construtoras en bancarrota e non só non era quen de vender, senón que perdía diñeiro en mantemento), deu libre acceso aos Fondos Buitre para que xestionasen o mercado dos inmobles. Os Fondos mercaron a prezos asequibles, que moitos cidadáns poderían asumir, grandes paquetes de  vivendas.

Pero, por que se consentiu iso? Para aumentar as expectativas sobre o crecemento do mercado español e atraer máis investimento internacional, para reflotar o mercado inmobiliario e volver revalorizar de forma enganosa as vivendas, para volver especular: para atraer máis moscas arredor da merda.

Iso promoveuno Rajoy naquel momento e agora non quere mudalo Sánchez coa regulación do prezo do aluguer. Parece disposto a seguir inflando a burbulla.

Descoñezo que mentira se oculta detrás do incesante crecemento do prezo da luz. Pero non crean que todo se reduce a que se incrementa a demanda, a que chove máis ou menos e por iso é máis caro e por iso é mellor pranchar de noite mentres poñemos de música o programa de centrifugado. Se fose así, Iberdrola e Endesa non gañarían máis de 5.000 millóns de euros e aumentarían os beneficios nun 36 por cento con respecto ao exercicio anterior. Paguen se que-ren, pero non se deixen enganar.

Comentarios