Blog | Acabou o conto

Todos fomos novos

Os restos do vehículo de José Antonio Reyes. RAFA ALCAIDE (EFE)
photo_camera Os restos do vehículo de José Antonio Reyes. RAFA ALCAIDE (EFE)

HAI CERTAS persoas coas que, se es famoso, non convén meterse: futbolistas, toreiros, estrelas do canto, actores e multimillonarios que fan enxeñería fiscal para non pagar os impostos en España e logo, co diñeiro aforrado, doarlle ao estado máquinas para o seu sistema de sanidade. Xa pasou, xa pasou!

Se non tes as costas anchas para recibir, non é conveniente mentar a un futbolista vivo. E moito menos a un que acaba de morrer. Iso debeu aprender Santi Cañizares o outro día. A Cañizares lembraranno por ser porteiro de fútbol, por audaz comentarista técnico de partidos, por romper un pé cun bote de colonia e polo seu pelo loiro osixenado.

Descansen en paz os inocentes falecidos nas estradas

Toda a notoriedade volveulle hai un par de días cando buceou en Twitter, un océano de augas pantanosas, para poñer o punto sobre o i no asunto Reyes, ex xogador do Madrid, e do Sevilla, entre outros, e da selección española, que se matou na autovía e levou con el a un rapaz de 23 anos, familiar seu. Reyes ía a unha velocidade moi superior á que permitía o regulamento de tráfico, cun coche de alta gama deseñado para voar sobre o asfalto.

Matouse e todo o mundo chorou a súa perda. Chorárono porque foi un gran futbolista, sen dúbida, e porque o balompé, máis que espertar o intelecto, apela ao corazón. En toda España as mostras de agarimo e tristura repetíronse. Morre novo e serás un heroe. Dan igual as circunstancias. Así trataron e tratan a Reyes.

Pero de socato, un home do gremio elevou educadamente a voz en redes sociais para poñer todo o sentido común posible nun chío. "Circular con exceso de velocidad es una actitud reprochable. En el accidente ha habido víctimas además del conductor. Reyes no merece un homenaje como si fuera un héroe, pero eso no quita que lamente lo ocurrido y que rece por sus almas. Lo intolerable lo encuentro en quien se alegra".

Hai misericordia nas verbas de Cañizares, sentido común e tamén crítica razonada.

A continuación comezaron en Twitter os agarimos e as lembranzas para toda a familia de Cañete. Xa se sabe como funciona. Non sei por que creo que ao autor das verbas lle importan pouco tantas mostras de amor.

O caso é que o fanatismo dos forofos non debe facer perder de vista que o único responsable coñecido do falecemento de Reyes foi o propio Reyes. O demais poden ser teorías sobre mecánica, socioloxía e economía nas que agora non procede deterse. Non se trata de negarlle o descanso ao falecido, pero tampouco de vitimizar ao verdugo, que estaba incorrendo nun delito no momento do seu falecemento e o dun familiar.

A mensaxe de que correr é divertido cala demasiado fondo na sociedade. Sen ir máis lonxe, o outro día faleceron en Chapela, na autoestrada, tres rapaces noutro accidente de tráfico. Sobreviviu o conductor, un mozo de 18 anos. No pecado vaille a penitencia ao raparigo. Como se pode vivir con esa carga tan pesada desde tan cedo? Só el o saberá. Descansen en paz os inocentes finados. O meu pésame para as familias.

Un amigo dicíame o outro día que todos fomos novos. Desgraciadamente, todos non. Algúns como os tres perecidos non puideron selo por fatalidades de semellante tamaño.

E mentres, a estrada continúa segando vidas imprudentes e inocentes e a xente segue trabucándose ao sinalar responsabilidades en función do DNI. O drama debería dar máis poder ao sentido común. Xa hai bastantes causas para marchar de aquí como para andar á procura de máis.

Comentarios