Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

A lacra da sociedade

A MIÑA primeira aposta foi cun bono de benvida. Xogara a que o Real Madrid da última temporada de Jose Mourinho ía conseguir o triplete. Hahaha. Vaia risas, visto a touro pasado. Tamén apostei que Chris Froome ía gañar o Tour de Francia do ano seguinte, despois de ser segundo por detrás de Bradley Wiggins no que rematara. Esquecinme do asunto aquel das apostas ata que, un ano máis tarde, pasei por caixa e recollín os 80 euros que me producira Froome.

Coas apostas deportivas decateime de dúas cousas: que a mala sorte existe (xúroo, por Snoopy) e que che poden cambiar a vida.

Cos 80 pavos na miña conta, busquei asesoramento. Alí andaba o meu amigo Oscarloco, que é un bo liante, para explicarme as interioridades dun mundo que, segundo el, arroxaba bos dividendos. A el si, porque ten sorte.

Despois de gañar con Froome empecei a facer modestas apostas de todo tipo: a que Vettel gañaba no Gran Premio de Fórmula 1 de Monza por máis de cinco segundos. O moi caradura, despois de dominar toda a carreira con vantaxes cómodas, freou para celebrar o triunfo na liña de chegada coa súa xente e acabou triunfando cunha marxe de 2,7 segundos.

Apostei a que o Real Madrid gañaba por máis de doce nun partido da Euroliga de baloncesto. Despois de estar dominando claramente, Laso meteu aos suplentes nos minutos do lixo, o rival recurtou e, tras poñerse a once no penúltimo ataque, o Real Madrid renunciaba a facer o último tiro e firmaba o armisticio.

As apostas moven moito diñeiro, si: diñeiro sucio

Apostei a que Serena Williams, despois de triunfar en catro torneos seguidos, lle gañaba á descoñecida, daquela, Simona Halep en dous sets. Perdeu.

Cando me quixen decatar, estaba apostando por todo. Apostaba por diferenzas de goles nos partidos de balonmán, por cantidade de puntos nos de baloncesto, por autores do primeiro gol nos de fútbol, por resultados ao descanso e ata pola gañadora do seguinte punto nun duelo de tenis.

Xa non me conformaba con apostar só antes de que se producisen os enfrontamentos. Tampouco nas disciplinas e categorías nas que manexaba boa información. Estaba todo o día coa páxina de Internet conectada para facer apostas en vivo. Reapostaba sobre apostas realizadas para protexer as que estaban sendo beneficiosas e para corrixir as que ían camiño da ruína. O meu comportamento era compulsivo. Propio dun tolo. Logo me afectou ao meu día a día. Se perdía estaba de mal humor. Se gañaba, tiña unha estraña euforia, unha calor interior nada saudable, como a dun ionqui que cura o seu mono chutándose de novo. Miña nai pagábao. A miña moza pagábao. Ata os meus compañeiros de traballo e de equipo.

Decateime de que o tiña que deixar. Pero antes quería solucionar un problema: perdera diñeiro. Non demasiado. Pero non quería irme sen recuperalo. E así seguía apostando e apostando. Ata que cometín a bendita estupidez de facer unha aposta que consideraba segura cunha boa cantidade, para recuperar o investimento. Perdín. Perdín unha cantidade relativamente considerable para un traballador de clase media coma min. O bofetón espertoume daquel pesadelo e non volvín facer aposta ningunha.

Pasaron cinco anos. É parte do pasado, pero tamén o teño presente para non reincidir en erros estúpidos. As apostas son un serio problema de saúde pública. Moven moito diñeiro, si. Pero é diñeiro sucio. Vai sendo hora de limpar para curar a moitos potencias casos coma o meu. A nosa sociedade precisa eliminar esa lacra das súas vidas. O noso futuro agradecerao.

A lacra da sociedade
Comentarios