Blog | Acabou o conto

A lenda de Keyser Söze

"SUPONSE QUE que é turco", dixo Verbal Kint, con cara de ter o aparato dixestivo feito fosfatina. "Din que seu pai era alemán. Ninguén creu nunca que fose real. Ninguén o coñecía, nin a ninguén que traballase directamente para el. Pero segundo Kobayashi, calquera podía traballar para Söze. Non se sabía. Ese era o seu poder. O mellor truco do diaño foi convencer ao mundo de que non existía".

"Había un grupo de húngaros que quería a súa propia mafia. Concluiron que para ter poder non precisaban diñeiro, nin armas, nin moita xente. Só a vontade de ser quen de facer o que o outro non se atreve. Ao pouco tempo foron a por Söze. Daquela non era moi importante. Só vendía droga. Chegaron á súa casa unha tarde para facerse co seu negocio. Na casa atoparon á súa dona e aos fillos. E decidiron agardar por Söze".

O mellor truco do diaño foi convencernos de que non existía

"Cando apareceu viu que a súa muller fora violada e os fillos estaban berrando. Os húngaros sabían que Sozé era un tipo duro, que non se podía xogar con el. Curtáronlle o pescozo a un dos nenos diante del. Así sabería que falaban en serio. Dixéronlle que querían o seu territorio. Söze ensinoulles aos homes malos o que significa a vontade. Matou a dous deles. Matou á súa propia dona, matou aos propios seus fillos e díxolle ao último dos húngaros que prefería ver a súa familia morta que vivir un día máis despois de aquilo. Permitiulle fuxir, agardou a que enterrasen á súa familia e logo foi a polo resto da mafia. Matoulles os fillos, ás mulleres, aos pais e aos amigos dos pais. Queimou as casas nas que vivían e as tendas nas que traballaban. Matou á xente que lles debía diñeiro e despois... largouse. Desfíxose".

"Despois ninguén máis o volveu ver. Converteuse nun mito, nunha espantosa historia que os delincuentes lles contan aos seus fillos: enganas a papá e Keyser Söze te collerá. E realmente nunca ninguén o creu".

-E vostede tampouco, Verbal?- interrompeu o detective Kujan.

-Un amigo sempre dicía: Non creo en Deus. E sen embargo, témoo. Pois eu creo en Deus. E a única cousa que me aterra é Keyser Söze.

Acaban de ler a escena central da película The Usual Suspects, obra mestra do cine dos 90 dirixida por Bryan Singer: unha estafa, a invención dunha lenda por parte dun poderoso e perigoso mafioso que se fai pasar por unha pobre vítima e consegue facerlle crer a todo o mundo que un tal Keyser Söze é o diaño e está rondando por San Francisco e matando a outros mafiosos.

Co mito que relata sobre outro que en realidade é el consegue manter aterrado a todo o mundo, pasar desapercibido e conservar placidamente o seu poder.

Iso lémbrame ao que pasa agora en España. O que pasa agora e leva sucedendo desde hai décadas. O diaño fíxolle crer a vostede, ao seu veciño e case me convence a min, de que calquera sigla vencellada co socialismo, comunismo ou nacionalismo deste país é o diaño. Que queren desfacer o país, destruir as empresas, roubarlle á xente traballadora para botalos das súas casas, sustraerlles as terras, violar ás súas mulleres e que vostede sexa pobre. Son os malos.

O domingo os malos estaban manifestándose en toda Galicia contra os recortes dunha sanidade pública cada día máis deteriorada. En Madrid, os creadores da lenda de Keyser Söze, que lles puxeron a etiqueta de diaño aos de aqueloutra manifestación, dábanlle as costas á realidade e queríannos facer crer que o diaño existe, vive na Moncloa e está artellando un plan malicioso en colaboración cos seus perigosos amigos golpistas para acabar con todos nós.

Comentarios