Blog | Acabou o conto

Animais con etiqueta

Vincent Vega (John Travolta) e Jules Winnifield (Samuel L. Jackson) nunha mítica escena da película. PULP FICTION
photo_camera Vincent Vega (John Travolta) e Jules Winnifield (Samuel L. Jackson) nunha mítica escena da película. PULP FICTION

–Queres touciño? –preguntou Vincent Vega.

–Non como carne de porco, meu –respondeulle Jules.

–Es xudío?

–Non. É que non me gusta a carne de porco. Máis nada.

–Por que non?

–Porque son moi sucios. E eu non como carne de animais guarros.

–Pois o touciño está delicioso e tamén o churrasco.

–Mira. Disque a rata de cloaca sabe a marisco, pero non o saberei na vida porque non como animais noxentos. Os porcos dormen e buscan o seu xantar entre a merda. Se non saben nin distinguir os seus excrementos, como vou comer a súa carne?

–Tamén os cans papan os seus turullos.

–Tampouco como carne de can.

–Consideras aos cans animais asquerosos?

–Non diría que son noxentos, pero desde logo son sucios. Os cans teñen personalidade e a personalidade hai que tela en conta.

–Segundo iso, se un porco tivese personalidade, deixaría de ser un animal noxento.

–Pois ese porco sería un exemplar realmente encantador...

En Pulp Fiction, a mellor película de Quentin Tarantino, dous matóns a soldo vestidos con bermudas e camisas hawaianas (bonitas de carallo) descobren que o porco é un ser pouco agraciado coa hixiene e cólganlle o cartel.

A lingua, dá igual cal sexa, tende a ser inxusta co mundo animal. Eu vin crecer a moitas crías de porco na infancia que falecían vítimas dunha tradición secular de Galicia. Vinos corretear polo eido, xogar cos gatos, espantar aos cans, correr coma tolos e meter o fuciño por todas partes. Como omnívoros que eran, amosábanse pouco selectivos coa súa alimentación. Pero francamente, aquelas entrañables criaturas que pasaron pola casa de miña nai non eran menos limpos que as ovellas, as galiñas e algún que outro can ou gato famélico que se deixaba caer por Cedeira.

Os porcos teñen a etiqueta posta e xa ninguén llela vai arrancar, entre outras cousas porque non están os pobres como para defenderse. Non é o único caso na fauna terrestre. Aos burros recrimínaselles falta de intelecto, algo que é rigorosamente falso, xa que o seu cerebro furrula bastante mellor có da maioría dos animais, ademais de seren dóciles e útiles socialmente. Nunca chegarei a comprender que teñen de malo as vacas, que todo o mundo as tilda de gordas. En realidade é o boi o que tende a ter máis problemas de sobrepeso, unha vez que lle inutilizan as súas partes nobres e se volven mansos e pasivos.

As cabras? Por favor, que teñen elas de tolas? Agora chámanlle tolería á personalidade. E as galiñas? As galiñas son unhas covardes. Nunca o pensara, pero en realidade son bastante máis guarras cós porcos, pero non tan temerosas como as ovellas, que foxen despavoridas cada vez que perciben un movemento estraño arredor delas, ou os coellos. As galiñas son tan pouca cousa que o outro día unha familia de elas acabou cun raposo que fixo unha incursión nos seus aposentos en busca de alimento. O caso revela que o cartel que lle puxeron non é tan axeitado como se podía prever.

Sirva como exemplo para a vida mesma. Está moi ben facerlle caso ás etiquetas que lle colgan ao seu veciño, ao seu médico, ao seu alcalde ou aos votantes do partido que menos lle gusta, pero é mellor coñecer a todas esas persoas e xulgalos con algo máis de xustiza que a que empregou Jules para desacreditar aos porcos en base ao infundado rumor de que renegan da hixiene.

Comentarios